ConcellosO Bolo

Tramítase a inscrición dos montes de Tuxe e Cambela (O Bolo) no rexistro de masas consolidadas

No caso do monte Tuxe, inscribiranse 90,9 hectáreas compostas por unha mouteira de castiñeiros e cerquiños

Superficie forestal na provincia de Ourense./ Foto: A.R.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dous anuncios da Consellería do Medio Rural polo que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de dous montes situados no concello ourensán do Bolo. Trátase dos montes Tuxe e Cambela.

No caso do monte de Tuxe, propiedade de varios veciños da parroquia de San Pedro de Tuxe, inscribiranse 90,9 hectáreas compostas por unha mouteira de castiñeiros e cerquiños. Mentres, no monte Cambela inscribiranse 36,3 hectáreas, propiedade de varios veciños da parroquia de Cambela, e que están integradas por dúas mouteiras de castiñeiros e cerquiños.

A partir de mañá, do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural de Ourense os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

Cabe sinalar que, na actualidade, xa existen 36 masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: : 2 na provincia da Coruña, 13 en Lugo, 14 en Ourense e 7 en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 2.607,64 hectáreas.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

“Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos”, segundo informa a Consellería do Medio Rural.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Artigos relacionados

Back to top button