En portadaÚltima hora

Tras os sons da berrea, na noite de Trevinca

O Club Montañas de Trevinca organizará na noite do 19 de outubro unha actividade para escoitar o bruar dos cervos

Cervo na berrea en Trevinca./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Coa chegada do outono, os cervos macho realizan un cortexo e loita ritual no que emiten un bruar característico, uns sons guturais que se denominan “berrea”. Para dar a coñecer esta manifestación da natureza nos montes de Trevinca o Club Montañas de Trevinca ten previsto organizar na noite do 19 de outubro a actividade “Os Sons da Noite-O Bruar dos Cervos”.

“Gustaríanos que se coñecera o mundo natural da montaña, tanto nos seus aspectos nocturnos como diurnos. Esta actividade parécenos moi apropiada para toda idade e condición física, ademais de difundir as imprescindibles normas de información, respecto e protección do mundo animal”, explican dende a organización.

O lugar de reunión e partida dos participante será A Ponte (A Veiga), no Centro de Interpretación das Montañas de Trevinca ás 18h. Dende emprenderase camiño cara Pena Ferro coa posibilidade de escoitar a berrea nos vales do Escambrón no río Xares e no val do Regueiro das Poulas do Couto. A actividade continuará ata a medianoite, co regreso a Ponte.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse en club@montanasdetrevinca.es. Dende a organización tamén se matiza que “os horarios e o percorrido estarán suxeitos ás posibilidades de escoitar o bruar dos cervos nos diferentes vales”.

Esta será a primeira das actividades do outono do Club Montañas de Trevinca, incluída no Plan Quincenal de Actividades 2019-2024, que subvenciona a Deputación de Ourense e no que colabora o Concello da Veiga.

Artigos relacionados

Back to top button