CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Travesía polos mares do mundo cos contos e cantos de Xurxo Souto, no Barco

Este músico e narrador oral presentaba o seu espectáculo "Oceáno para terrícolas" no oitavo ciclo "De Perto"

 

Dende o Xardín da Casa Grande de Viloira (O Barco), Xurxo Souto chamaba ao mar na tarde do 3 de xullo co seu espectáculo “Océano para terrícolas”. E facíao acompañado polo público do ciclo “De Perto” ao berro de “Medre o mar, medre!!!”.

E o prodixio obrábase. O mar, ou mellor dito, os mares de diferentes partes do planeta confluían neste recuncho valdeorrés a través dos cantos e das historias de mariñeiros galegos en Irlanda relacionadas con botas de viño, co contrabando ou co segredo mellor gardado dun barco: o do pementón co que aliñaba os seus guisos o cociñeiro.

A travesía continuaba polo océano Índico, onde está a illa Agalega, “lembranza da senda portuguesa”, con contos que demostraban que “nas cousas do mar o galego é a lingua máis cosmopolita”; ou polo Canal de Panamá, entre outros lugares.

Pero nesas historias non só había mariñeiros, tamén mulleres relacionadas co mar. A partir deses relatos, Souto aí abría o universo sonoro do cancioneiro interpretado polas mulleres cuxos oficios están relacionados co mar: dende mariscadoras a redeiras. A elas adícalles o seu último libro: “A gran travesía de Chiruca Macallás”.

“Todos estamos no mar”, insistía Xurxo Souto, desvelando os vínculos entre os do interior e os da costa, con exemplos como o da casa máis bonita de Froxán (Folgoso do Courel),  que era a do Calexón, dun mariñeiro en Terranova que enchía todo o corredor de enormes follas de bacallau. Por iso, “non somos periferia de nada, somos o centro do mar”.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button