Por segundo ano consecutivo, coa chegada de enBarcArte, O Barco de Valdeorras arrecende a arte. Nas rúas e prazas coas sete instalacións artísticas que se poden ver este ano, e na sala de exposicións Abanca coa mostra de arte contemporánea “As vidas humanas” na que trece artistas de diferentes procedencias, nove deles de Valdeorras, expoñen as súas obras ata o 29 de setembro.
Se o ano pasado os participantes na mostra exploraban con diferentes sensibilidades, materiais e ideas as calidades e características sociais, culturais, políticas, comunicativas, etc que definen a heteroxeneidade da sociedade actual “un tema moi abstracto”, en palabras de Jorge Barredo, promotor e director de enBarcArte, este ano a idea sobre a que xira a exposicición é moi realista e nada máis real que a vida mesma. “Non hai nada nas nosas vidas que non esté relacionado co feito de estar vivo e cada un dos 13 artistas que expoñen aquí enfrontaron esta aventura, tránsito, proceso, experiencia,… ao seu xeito íntimo e persoal”, explica Barredo, lembrando que aínda así, “a vida, sempre vai ligada, tarde ou cedo, á outra cara da moeda: a morte… como final da vida humana”. Unhas sensación que intentan transmitir ao expectador a través de pinturas, fotografías, collages ou composicións.
Así, quen se achegue ata a sala, de luns a venres de 18 a 21h. e os sábados de 12 a 14 e de 18 a 21h. poderá ver as propostas, feitas en exclusiva para esta exposición, de: Gema López (Lugo), Reme Remedios (Ponferrada), Sirai (Madrid), Adrián Vega (Madrid), Jorge de Soto (Madrid), Christian Pardo (Madrid), Manuel Sánchez-Algora (Madrid), Bea Romarty (Valdeorras), Roberto Álvarez (Valdeorras), Griseo (Valdeorras), Iván Prieto (Valdeorras) e o propio Jorge Barredo (Valdeorras).
A inauguración tiña lugar na tarde do 7 de setembro e contou coa presenza dalgúns dos artistas e da concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta quen de novo daba as grazas a Jorge pola iniciativa convidándoo a el mesmo e aos artistas presentes, a explicar a súa obra ao público. O acto contou ademais cun aperitivo e unha performance tituada Olladas de DosoFran (Valdeorras). Unha posta en escena que repetirá os xoves e sábados do mes de setembro ás 21h. na praza do Príncipe.
Fotos: Carlos G. Hervella.