ConcellosÚltima hora

Trece parroquias vianesas estrean sinalización turística

 

O Concello de Viana do Bolo vén de estrear un novo proxecto de sinalización interpretativa do patrimonio cultural do municipio. Os traballos, nos que o goberno local e a Secretaría de Turismo da Xunta de Galicia investiron 32.350 €, centráronse en trece parroquias do municipio, onde se instalaron placas interpretativas nos principais monumentos.

Así no termo municipal colocáronse 18 placas en aceiro nos principais monumentos: igrexas parroquiais, balneario de Bembribe e pazos brasonados (Umoso, Grixoa, Punxeiro…). Nelas inclúese unha descrición técnica, así como fotografías aéreas, debuxos orixinais e diferentes citas literarias e ensaísticas que persoeiros da cultura galega e local (Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro ou Manuel García Paz, entre outros) dedicaron a Viana e as súas parroquias. Tamén se procedeu á colocación de 5 planímetros culturais na Mina das Borreas, dous en Viana do Bolo, en Grixoa e no Santuario do Pai Eterno.

Dentro do mesmo proxecto incluíuse o deseño e impresión de folletos turísticos sobre a Vila Histórica, a Mina Romana das Borreas e o municipio de Viana.  Segundo o Concello, “toda a información instalada é accesible en 3 idiomas (galego, castelán e inglés) por medio dunha aplicación informática gratuíta vinculada á páxina web do concello que é de fácil manexo. Esta app, á que se accede escaneando un código Bidi cun teléfono móbil intelixente, inclúe tamén a xeolocalización de todos os bens culturais, así como un sistema de narración de voz para persoas con discapacidade visual”.

Con estes traballos o goberno municipal pretende “seguir poñendo en valor os seus recursos turísticos, facéndoos accesibles e comprensibles á veciñanza e ao público que nos visita ao longo de todo o ano, en particular durante o entroido e o verán”.

Artigos relacionados

Back to top button