CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Tres centros educativos do Barco e un de Viana desenvolverán este ano o programa de reforzo ARCO

Os colexios son: IES Lauro Olmo, CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas, CEIP Ramón Otero Pedrayo, CEIP Bibei

O IES Lauro Olmo do Barco é un dos centros que desenvolverá o programa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Un total de 15 centros de ensino da provincia de Ourense, entre eles o IES Lauro Olmo, o CEIP Plurilingüe Julio Gurriarán Canalejas e o CEIP Ramón Otero Pedrayo do Barco de Valdeorras; e o CEIP Bibei de Viana do Bolo, desenvolverán este curso o programa de accións de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de primaria e secundaria (ARCO). No conxunto de Galicia participarán na iniciativa un total de 141 centros, segundo a resolución definitiva publicada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

O ARCO, que pode ser complementario cos contratos-programa, ten como obxectivo “implicar ao grupo de clase nas actividades de reforzo, co fin de conseguir o máximo desenvolvemento emocional, intelectual e social do alumnado”, explican dende a Consellería de Educación. Este programa, dirixido aos centros públicos, consta de 3 liñas de actuación que desenvolverán axustes educativos dentro da aula ordinaria, co obxecto de garantir a máxima inclusión favorecendo a participación no grupo-clase e a consecución do máximo desenvolvemento emocional, intelectual, social e profesional de todo o alumnado.

O obxectivo da iniciativa é apoiar o alumnado para a mellora do rendemento académico, co fin de mellorar o éxito escolar e previr o abandono educativo temperán do alumnado que cursa as ensinanzas obrigatorias. Así mesmo, xerarase un clima de aprendizaxe que favoreza o traballo en equipo, cooperativo e por proxectos e procurarase diminuír as barreiras de aprendizaxe que dificultan superar e acadar os obxectivos do nivel educativo. Todas as liñas desenvolveranse dentro do horario lectivo e mediante apoios a través do uso de metodoloxías activas e participativas, así como a aplicación de medidas organizativas ao alumnado obxecto da liña.

Para a selección dos centros participantes téñense en conta criterios como as porcentaxes de alumnado que promocionou con algunha área non superada, con necesidades específicas de apoio educativo e repetidor ou os centros que participaron no antigo programa de reforzo PMAR, entre outros.

Artigos relacionados

Back to top button