ConcellosÚltima hora

Tres detidos e 136 propostas de sanción na provincia na fin de semana por incumprimento do estado de alarma

O subdelegado do Goberno en Ourense lembra que "a gravidade dese comportamento carrexa sancións por incumprir o estado de alarma que oscilan entre 601 e 30.001 euros"

A Garda Civil durante a realización dun control no centro do Barco.

 

No inicio da cuarta semana dende a implantación do estado de alarma, o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, vén de dirixirse á cidadanía ourensá para pedirlle que “non baixe a garda e manteña o esforzo de illamento para frear a propagación do virus COVID-19”.

Emilio González amosa o seu agradecemento pola “comprensión da gran maioría da cidadanía”, incidindo en que na provincia de Ourense se observa “un elevado grao de cumprimento das medidas establecidas polo Goberno para evitar a propagación do coronavirus e lembra que a única maneira de frear a cadea de contaxio é quedarse na casa”.

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

Pese a ese respecto maioritario, o subdelegado do Goberno alertou sobre as 136 propostas de sanción, unidas ás 3 detencións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade do Estado na provincia durante a fin de semana. Neste sentido, Emilio González lembrou que “a gravidade dese comportamento carrexa sancións por incumprir o estado de alarma que oscilan entre 601 e 30.001 euros”.

Así mesmo, Emilio González advertiu de que os controis para evitar desprazamentos a segundas vivendas ou zonas de ocio se estenderán durante toda a Semana Santa. E apelou “á necesidade de permanecer nos domicilios e cumprir a normativa para frear a propagación do virus, resaltando a importancia especial de axudar así a salvar vidas das persoas máis vulnerables, ademais de protexer aos profesionais que están máis expostos, como o persoal sanitario, as forzas de seguridade e as persoas que traballan en servizos esenciais como alimentación ou transportes”.

Artigos relacionados

Back to top button