ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

Tres días de música, gastronomía e moito máis, na IV Festa do Casco Vello do Barco

A presentación tiña lugar esta tarde na terraza do Veira Sil da man dos hostaleiros que participarán

Publicidade

 

Dado que as tres primeiras edicións foron bastante exitosas e a xente quedou contenta “este ano despois da pandemia decidimos enbarcarnos de novo na aventura de celebrar unha nova edición”. Así comezaba, na tarde deste martes 7 de xuño, a presentación da IV Festa do Casco Vello do Barco, promovida pola hostalaría, que se celebrará do 10 ao 12 de xuño con propostas enogastronómicas, moita música, maxia e a I Feira de artesanía e produtos tradicionais no Porto da Barca e na rúa Real, promovida polo Concello que se suma este ano á festa.

Tal como avanzou Manuel Páramo na presentación, acompañado por varios hostaleiros, os actos comezarán o venres 10 de xuño, coa apertura de casetas de comida e bebida na praza Maior ás 20h. Ás 22h. será o pregón, unha das novidades deste ano, a cargo do presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado e ás 22:30h. actuará o grupo Maskarpone. Xa a partir das 00h. tomarán o relevo no escenario Los Rastreros.

 

Os hostaleiros na presentación.

 

Na tarde do sábado 11 de xuño ás 17h. inaugurarase a I Feira Porto da Barca que contará cunha vintena de postos e que estará aberta ata as 21h. O domingo funcionará de 12h. a 14h. e de 17h. a 20h. aproximadamente. Ademais de visitar diversos postos de produtos artesáns e tradicionais, nela poderá participarse en obradoiros de artesanía en coiro, pintura, madeira, barro e elaboración de queixos, este último especialmente pensado para os nenos que conta xa con máis de trinta inscritos. Outra das novidades este ano será a barcaza que cruzará o río na tarde do sábado que estará amenizada pola charanga Amanecer e Guti Malabarista. Ás 22h. subirase ao escenario The Funkles e a partir das 00h. poderá desfrutarse dun concerto de The Tetas’ Van.

Na xornada do domingo, 12 de xuño, a feira de produtos tradicionais volverá abrir ás 12h. e a música soará na zona vella da vila ás 13:30h. cunha sesión vermú a cargo de Club Riviera. Ademais, ás 19h. chegará a maxia do vianés Mago Teto teloneado por Guti. O broche musical da Festa do Casco Vello virá da man do Club Riviera, ás 19:30h.

 

Manuel Páramo, promotor e un dos organizadores da festa.

 

Con respecto ao apartado musical, Páramo destacou que tres dos grupos cantarán en galego, dous deles con temas propios (Maskarpone e Los Rastreros) e tamén haberá moitas versións.

E no que atinxe ao apartado enogastronómico son cinco as casetas que se instalarán na praza, cada unha co seu pincho especial, a 2 euros: Alfa Raíces porá ‘perrito caliente’ e ‘bocadillo de panceta’; O Buraco porá ‘empanada de maravallas con carne’ e pulgas variadas (de solombo de porco, de chourizo á sidra, de xamón con tomate, de queixo,…); Veira Sil porá ‘bocadillo de lombo e queixo con pementos’ e ‘ensalada’, ademais dunha fideguá ou paella grande o domingo a mediodía; Excálibur porá ‘montadito de lacón asado’ e ‘tortilla’; e Caso Vello que porá a organización, propón ‘tosta de pan con lacón trufado caseiro e pemento asado’ e ‘tosta de pan con tenreira galega trufada e pemento asado’. Tamén haberá unha caseta do SilFest Valdeorras.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button