CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Tres figuras de lousa reciben aos peregrinos do Camiño de Inverno ao seu paso por Éntoma

O seu autor, Raúl Díaz, empregou tres tipos de lousa, destacando a negra de Valdeorras

Os camiñantes que dende a tarde do 13 de xuño pasen pola Ponte de Éntoma (O Barco de Valdeorras), en pleno Camiño de Inverno, atoparanse cuns compañeiros moi peculiares. Trátase de tres figuras feitas en lousa que representan a outros tantos peregrinos: un home, unha muller e un neno.

O seu autor é Raúl Díaz, veciño da localidade barquense vinculado durante a maior parte da súa vida á lousa. Como experto colocador, esta rocha característica da comarca de Valdeorras non ten segredos para el e así o demostra unha e outra vez. No Nadal sorprendía a veciños e visitantes cun nacemento na igrexa parroquial, con todo luxo de detalles e elaborado principalmente con este material (aínda que tamén incluíu outros elementos característicos da comarca como o viño ou os castiñeiros), e agora faino con estas particulares figuras que sen dúbida axudarán a promocionar o pobo, a comarca e a ruta xacobea.

 

A figura do home está feita con tres tipos de lousa.

 

Tal como el mesmo explica, a figura máis grade (a do home) está feita con tres tipos de lousa: “negra de Valdeorras para a parte superior e as pernas, verde de Bretoña para o pantalón e manchada ou multicor do Incio para mans, cara e zapatos)”, engadindo elementos identificativos dos peregrinos como unha cabaza baleira colgada da mochila, unha gorra e por suposto o caxato. O neno está elaborado a partires dun único rachón coa cunhca dunha vieira incluída; e a muller, feita integramente en lousa negra, aparece sentada sobre un tronco de nogueira lendo un libro con inscricións en latín e un pequeno mapa da ruta xacobea.

Ás figuras, que o propio Raúl colocaba a caron da histórica ponte que atravesa o río Galir, non lles faltan detalle e a exepción da do cativo, as pizarras que as forman, cortadas en diminutas láminas están colocadas de distintas formas (a escuadra, de forma rústica,…) unha mostra máis da paciencia e destreza do artista.

Á parte dos primeiros veciños e curiosos que xa se achegaron ata o lugar para contemplar a obra, os primeiros en ver aos peregrinos de lousa serán os estudantes do CEIP Condesa de Fenosa do Barco, que mañá pola mañá subirán ata Éntoma para facer un tramo do Camiño de Inverno e de paso visitar o pobo. Pero non serán os únicos xa que na mañá do domingo 17 de xuño, na mesma ponte instalarán o avituallamento da V Andaina Solidaria de Cruz Vermella que sairá ás 9:30h. dende as proximidades da Casa do Río Cigueño, no Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button