ConcellosÚltima hora

Tres institutos de Valdeorras están incluídos do programa “Coñece Ourense”

O IES Cosme López Rodríguez e o Colexio Pablo VI da Rúa e o IES Lauro Olmo do Barco, forman parte das excursións programadas neste curso
Recepción no Mosteiro de San Pedro de Rocas aos alumnos participantes no programa “Coñece Ourense”.

Preto de 30 alumnos do IES Cidade de Antioquía visitaban na mañá do 13 de marzo o Mosteiro de San Pedro de Rocas, unha das riquezas da Ribeira Sacra que están descubrindo os alumnos da ESO no marco do programa “Coñece Ourense” que desenvolve a Deputación de Ourense para difundir o patrimonio natural e arquitectónico-artístico da provincia.

Dende que se puxo en marcha esta iniciativa cultural no ano 2016, “participaron nela máis de 2.100 persoas e neste intre forman parte deste “Coñece Ourense” 2017/2018, 16 institutos da provincia”, salientou Manuel Baltar ao recibir persoalmente aos alumnos, asegurando que a través do programa “o alumnado coñeceu máis o noso e descubriu tesouros como este”. Trala visita ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, a ruta continuou en Montederramo onde os alumnos descubriron, a través dunha visita guiada, o Mosteiro de Santa María para continuar trala comida, coa visita á Igrexa de Santa Cristina. Un dos monitores desta actividade, Adrián Novoa, explicou que con “actividades dinámicas e divertidas, os rapaces coñecen diferentes puntos de interese da provincia, unha iniciativa moi importante porque se non coñeces o que tes nunca vas a valoralo”.

 

Manuel Baltar co alumnado do IES Cidade de Antioquía.

 

O programa oferta seis rutas culturais distintas: Bande-Entrimo, Ciencias Carballiño, Ribeira Sacra, San Cibrao de Lás-Arrabaldo, Verín e Ciencias Ribadavia. Este ano incorporáronse algunhas novidades como son dúas excursións relacionadas coa área de ensino das ciencias, que inclúen visitas a viñedos e adegas do Ribeiro, para coñecer o proceso produtivo do viño e aos Laboratorios Iuvenor nos que se explica o proceso de elaboración de diferentes produtos estéticos. Asemade, hai novas incorporacións ás visitas como a Casa do Museo de Otero Pedrayo e os Museos do Traxe e de Estanislao Reverter da Deputación, en Santa Cruz de Arrabaldo.

Entre os Institutos que forman parte das excursións programadas para este curso 2017/2018 están o IES Cosme López Rodríguez e o  Colexio Pablo VI da Rúa e o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button