ConcellosÚltima hora

Tres novos carteis en puntos estratéxicos do Xeoparque Mundial Montañas do Courel

 

No Xeoparque Montañas do Courel veñen de instalarse tres carteis en puntos estratéxicos co obxectivo de convertelos “na imaxe icónica do conxunto”. Esta iniciativa, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, pretende sumarse á tendencia de moitas cidades e enclaves turísticos que fan das letras co seu nome un símbolo e un recurso turístico en si mesmo, de xeito que os visitantes difunden fotografías nas redes sociais que deixan constancia do lugar onde se atopan.

O Goberno galego, a través da Consellería de Cultura e Turismo, achegou 16.000 euros -o 65% do orzamento- a este proxecto que promoveron os concellos do xeoparque: Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, visitaron o cartel situado neste municipio, no miradoiro de Campodola, co famoso pregamento xeolóxico de fondo. O sinclinal deitado da Serra do Courel é lugar de interese xeolóxico español de relevancia internacional en catro emprazamentos distintos do territorio: Folgoso, Vilamor, Froxán e o citado de Campodola. Ademais o punto deste sinclinal deitado emprazado entre as aldeas de Leixazós e Campodola (coñecido popularmente como pregamento de Campodola-Leixazós) foi declarado Monumento Natural de Galicia no 2012.

Os outros dous carteis están situados no punto de observación da Devesa da Rogueira, en Folgoso do Courel, e na praia fluvial de Ribas de Sil. Teñen unha dimensión de 2,5 metros de ancho e 1,3 de alto. Consiste nunha estrutura de madeira tratada que enmarca unha prancha de aceiro cortén co logotipo troquelado, sobre a que se recortan letras do mesmo material coa distinción de “Xeoparque”.

A historia xeolóxica

O territorio Montañas do Courel é un estupendo escaparate para observar parte da historia xeolóxica do planeta Terra, concretamente o Paleozoico inferior e medio, e en menor medida tamén o final do terciario e do cuaternario. Igualmente, hai numerosos vestixios   paleontolóxicos, mineralóxicos, metamorfismo, glaciarismo, cavidades kársticas, paisaxe e patrimonio cultural.

O fío condutor da proposta do xeoparque radica na unión indisoluble dos humanos coa xeoloxía, que permitiu a explotación dende a antigüidade de ouro, ferro, cal e, por suposto, a pizarra, materia prima para a construción dende o Neolítico e motor económico del territorio ata a actualidade.

Artigos relacionados

Back to top button