As antigas pontes de Éntoma (O Barco de Valdeorras), da Portela (Vilamartín de Valdeorras) e de Couso (Avión) serán restauradas. Para levar a cabo estas actuacións os concellos nos que están situadas asinaban na mañá do 12 de novembro en Santiago un convenio coa Consellería de Cultura e Educación, que financiará as obras.
No caso da ponte barquense de Éntoma contarase cun orzamento duns 72.400 euros. As obras inclúen “o desbroce das marxes e clareo de árbores de ribeira que danan a fábrica da ponte; a limpeza de vexetación, retacado, ripiado e rexuntado con morteiro de cal hidráulica da mampostería, a demolición de pavimentos de formigón existentes, a execución de novo pavimento da calzada de esquisto de catou ou chapacuña sobre base de formigón de reparto de cargas; e a execución de novos peitorís en mampostería de lousa”, segundo se informa dende a Consellería de Cultura.
Á ponte da Portela (Vilamartín) destinaranse 20.300 euros. Con esta intervención búscase “repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar á súa seguridade de uso, mellorar as condicións de acceso viario, desbroce, limpeza, desmonte, rasanteo e perfilado do terreo afectado. Tamén se construirá unha protección para o estribo cun muro de escollera; eliminación de vexetación e brións nas xuntas da pedra; reconstrución dos peitorís e formación da capa de rodadura final”, indica Cultura. Ademais o Concello de Vilamartín encardouse da redacción do proxecto das mesmas.
Finalmente, na Ponte de Couso (Avión) a actuación nesta infraestrutura suporá un investimento total de 79.225 euros. “En concreto está previsto actuacións de reforzo na fábrica que aínda está en pé. Ademais a parte derrubada repoñerase con materiais orixinais recuperados do leito do río”, segundo a consellería.
Nestes mesmo acto tamén se asinaban os convenios para recuperar as pontes pontevedresas de Fillaboa (Salvaterra de Miño) e do Demo (Vila de Cruces-Silleda). Estas intervencións enmárcase dentro das actuacións sobre o patrimonio cultural que forma parte da obra civil de Galicia previsto para o vindeiro 2015.