ConcellosQuirogaÚltima hora

Tres veciños de Quiroga, trasladados ao hospital con síntomas de intoxicación por monóxido de carbono

 

Tres persoas resultaban afectadas na pasada noite por unha acumulación de gases no interior dunha vivenda situada na rúa Río Lor, na localidade de Quiroga (Lugo). O 112 Galicia recibía o aviso arredor das 23h. “mediante os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaban unha dotación ao punto por tres ocupantes dunha vivenda con síntomas de intoxicación por monóxido de carbono”. Os afectados foron evacuados en ambulancia ao Hospital de Monforte para recibir o tratamento necesario en función do cadro médico que presentaban.

Ademais, dende o 112 Galicia indícase que “mediante as correspondentes medicións realizadas polos efectivos do GES de Quiroga, comprobouse que nas habitacións había unha alta concentración de monóxido de carbono, posiblemente provocado pola mala combustión dun quentador de auga”.

Aínda así, proseguen, “será necesaria a intervención dos técnicos da empresa subministradora do butano para verificar a instalación do quentador e o seu correcto funcionamento”. Así, os xestores do 112 Galicia tamén enviaron aviso á compañía co fin de que se leve a cabo a revisión de toda a instalación e confirmen as causas da fuga.

Para realizar as correspondentes medicións que determinarían a presenza de monóxido de carbono no interior da casa, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos membros do GES de Quiroga e dos Bombeiros de Monforte. Tamén foi informada a Garda Civil.

Artigos relacionados

Back to top button