EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Trevinca “Destino Starligh”, na clausura da asemblea do Barco CCA

Esta entidade, que preside Ángel Álvarez, celebraba a súa xuntanza anual na tarde do 14 de outubro no Barco

Cun notable xiro nas súas campañas promocionais e apostando pola orixinalidade comezaba o ano 2014 O Barco Centro Comercial Aberto (CCA). “Propuxemos organizar unha actividade en cada mes do ano e nesa planificación comezamos coa entrega de premios da Campaña de Nadal, organizada conxuntamente co sector Comercio de Aeva”. Ángel Álvarez, presidente do Barco CCA, comezaba deste xeito a exposición da memoria de actividades do pasado ano na asemblea que esta asociación celebraba na tarde do 14 de outubro no Barco. Logo virían outras como a campaña de rebaixas de inverno, a dos namorados coa “Carreira Obarconamora”, a primeira edición do Mercado de Oportunidades de Inverno, os Maios do Barco (en colaboración co Concello), o Teatro nos Escaparates, etc. Nelas trataban de implicar ao comercio, pero tamén aos outros sectores da asociación, como é o caso da hostalaría.

Froito dese traballo, O Barco CCA recibía, tal e como lembraba o seu presidente, unha mención honorífica outorgada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o 2 de xuño en Barcelona. “Unha mención que queremos facer extensible aos nosos asociados porque sen eles non sería posible organizar estas actividades”. No decurso da asemblea, que se desenvolvía no salón de actos do edificio multiusos do Barco, aprobábanse os diferentes puntos da orde do día, entre eles as novas afiliacións, as contas do 2014 e o orzamento para o 2015.

Na clausura da reunión a asociación continuaba apostando por promocionar e “dar a coñecer tanto o entorno de Valdeorras como os seus produtos. E este ano pensamos en poñer en valor un entorno paisaxístico que ten logrado a certificación Starlight”, sinalaba Ángel Álvarez referíndose á zona de Trevinca, no concello da Veiga.

Para presentar este destino turístico contábase coa presenza do alcalde da Veiga, Juan Anta, quen iniciaba a súa intervencion felicitando ao CCA polos seus “once anos de traballo e esforzo para dinamizar a zona do Barco e da comarca de Valdeorras”. Anta referíase ao recoñecemento como “Destino Starlight”, pero ía máis aló e facía unha exposición centrada nos diversos recursos turísticos que ofrecen as “Terras Altas de Trevinca”: dende o punto máis alto de Galicia (Pena Trevinca), pasando polas praias máis elevadas da comunidade e o conxunto lagunar de orixe glaciar máis importante da península despois dos Pirineos, ata o turismo cinexético, o micolóxico e, agora o das estrelas, entre outros.

Ademais de explicar de qué maneira se está a traballar dende o Concello da Veiga para poñer eses recursos en valor, Juan Anta aludía a futuros proxectos como a construción dun miradoiro e dun observatorio astronómico na Veiga. E destacaba que “o turismo é unha ferramenta para loitar contra a despoboación” e que a clave está en ofertar algo distinto, “en marcar a diferenza”.

Os asistentes á clausura, entre os que estaban o alcalde do Barco, Alfredo García, a concelleira de Comercio Irene Dacal, o presidente de AEVA, Javier Rodríguez, e representantes da asociación TREVIHOST como o seu presidente Marcos Pérez, desfrutaban despois dun viño ofrecido polo CCA.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close