En portadaÚltima hora

“Trinta lumes”, rodada no Courel, abrirá o 22º OUFF

O certame, que se celebrará do 20 ao 27 de outubro, contará nesta edición coas obras de máis dunha ducia de autores galegos tanto nas seccións paralelas como nas galas de apertura e clausura
Imaxe de “Trinta Lumes”, de Diana Toucedo.

Filme con selo galego na apertura do 22º Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Na gala de apertura do certame, que se celebrará do 20 ao 27 de outubro, poderá verse “Trinta lumes” de Diana Toucedo, filmado no Courel. Nesta longametraxe, a cineasta sumirá ao espectador “nunha viaxe a un mundo que pouco a pouco desaparece visto dende a perspectiva de tres mozas que o habitan”. Neste proxecto incide no cine, na terra (Galicia), situada xa como “unha das voces máis estimulantes do Novo Cinema Galego”, segundo a organización do OUFF.

E xa na gala de clausura, o OUFF, na súa liña de pechar o festival cun filme que manteña unha estreita relación con Ourense, decidiu nesta ocasión escoller unha copia restaurada de “La ley de la frontera” (1995, Adolfo Aristarain). A longametraxe, que foi rodada entre o Parque nacional de Peneda-Gerês (Portugal) e as catro provincias galegas, está protagonizado por Aitana Sánchez-Gijón, Pere Ponce, Achero Mañas e Federico Luppi.

A película narra a historia de Joao e Xan, dous nenos procedentes de familias moi diferentes que nacen na fronteira galego-portuguesa. Vintentantos anos despois, os dous rapaces foxen dos seus respectivos destinos e as súas vidas atópanse na fronteira, onde se cruzarán cunha xornalista e un lexendario bandido. O público ourensano poderá gozar deste filme grazas ao Plan Recuperar, posto en marcha polo DAC-Directores Argentinos Cinematográficos- e GOTIKA, que leva a cabo a dixitalización de varios filmes para restauralos en formato dixital respectando a concepción orixinal dos seus creadores e creadoras.

Nas diferentes seccións paralelas desta edición do Festival de Cine Internacional de Ourense figuran as longametraxes “Pessoa/Lisboa”, de Alberto Ruiz de Samaniego e José Manuel Mouriño; “Una vez fuimos salvajes”, de Carmen Bellas; “Sísifo Confuso. Traballos e días” de Francisco Leiro, de Aser Álvarez; E”ntre la ola y la roca”, de Manuel Lógar; asistir á estrea galega de “Dhogs”, de Andrés Goteira ou ver por primeira vez “Post truth times. We the media”, de Héctor Carré, traballo que aborda a crise da pensa en papel e a posverdade. Este filme, que conta con diferentes personalidades como Noam Chomsky, Iñaki Gabilondo, María Cedrón ou Amy Goodman entre os seus protagonistas, xa puido verse como “work in progress” na pasada edición do festival.

 

As primeiras imaxes de “Aquilo que arde”, de Oliver Laxe, poderán verse no OUFF.

No mundo da curtametraxe, o OUFF acollerá o debut como directora de Sara Casasnovas con “Escarabana” e a estrea de “M.” (Manuel Moldes Pontevedra Suite, 1983-1987), de Ángel Santos, pero tamén proxectará “Rapa das bestas”, de Jaione Camborda; “Nueva Galicia”, de Iván Nespereira; “Europa”, de Hugo Amoedo e fragmentos do proxecto documental sobre o laboratorio de restauración “L’immagine ritrovata” (Cineteca de Bolonia), de José Manuel Mouriño.

Á espera de poder incorporar aínda novos títulos galegos á súa programación, dentro do marco do festival terá lugar a presentación internacional das primeiras imaxes de “Aquilo que arde”, última longametraxe aínda en produción do cineasta Oliver Laxe, que foi galardoado co Premio Cidade de Ourense no 21º OUFF.

Artigos relacionados

Back to top button
Close