SanidadeÚltima hora

Trinta médicos de familia incorpóranse con praza en propiedade a PACs e Centros de Saúde da provincia

Centro de Saúde de Viana do Bolo.

 

Os próximos días incorporaranse aos Centros de Saúde e Puntos de Atención Continuada da Area Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras 30 médicos de Atención Primaria con praza fixa, grazas á conclusión da última Oferta Pública de Emprego (OPE). “Coa toma de posesión dos novos propietarios os Centros de Saúde e PAC de Ourense acadarán unha das porcentaxes mais altas de Galicia en canto a persoal médico con contrato fixo: o 88%”, segundo destaca o Sergas de Ourense.

Na elección de destino, que tivo lugar os pasados días, 20 dos 23 médicos de Atención Primaria que aprobaron a OPE e xa traballaban na provincia, optaron por continuar exercendo en Ourense. A maiores destes vinte médicos, que xa viñan exercendo en Ourense, sen praza en propiedade, incorporaranse dez médicos máis, sete que aprobaron tamén a OPE e tres que solicitaron Ourense como destino no último concurso de traslados, paralelo a esta oferta de emprego, nunha iniciativa que facilita aos profesionais conciliar, optando por destinos mais próximos ao seu domicilio ou intereses profesionais.

Os novos titulares incorpóranse gradualmenge ao longo deste mes aos Puntos de Atención Continuada (PAC) de O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ourense, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Ribadavia, Verín e Maceda e aos Centros de Saúde de Viana do Bolo, Lobios, Cualedro, Avión, Xinzo de Limia, A Mezquita, Os Peares e O Carballiño. A estas novas incorporacións hai que engadirlle a novas praza creadas no marco do Plan Galego de Atención Primaria pola que se incorporará un facultativo mais ao Centro de Saúde de O Couto.

Ademais das melloras en canto a estabilización de emprego e persoal, o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 tamén inclúe un orzamento de 1.013.523 euros para a adquisición de equipamento diagnóstico para os Centros de Saúde da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, en concreto 119 electrocardiógrafos, 18 desfibriladores, 7 ecógrafos, 50 holter, 37 espirómetros e 4 retinógrafos que comezarán estes días a distribuirse nos centros de saúde e PAC da provincia.

Asemade, os próximos días comezará o reparto dos novos desfibriladores, que completarán a dotación existente na provincia, con equipos de última tecnoloxía dotados de alta enerxía para a desfibrilación, adquisición de Electrocardiograma, a través de pas e cable de paciente, o que permiten tamén monitorizar, rexistrar e almacenar os sucesos (en modo manual e semiautomático), e incorporan pas externas reutilizables, para seu uso en pacientes adultos e pediátricos.

Para o seu uso xa están previstos os cursos de formación nos Centros de Saúde de O Couto, A Rúa, Calvos de Randín, Ribadavia, A Carballeira (Ourense), Pereiro de Aguiar, O Barco de Valdeorras, O Bolo, A Mezquita, Avión, Lobios, Beariz, Manzaneda, Melón e nos PAC de Verín e Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button