En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Trives acende o Entroido no oriente ourensán

Unha ducia de folións enchía dunha fervenza de toques a vila no decurso do XIV Desfile de Folións e Boteiros, organizado por Os Labregos

A ritmo de folión vivía Trives a tarde do 4 de febreiro. Diferentes ritmos e máscaras do Entroido do oriente ourensán dábanse cita na vila no marco do XIV Desfile de Folións e Boteiros, organizado polo Folión Os Labregos en colaboración co Concello trivés, que congregaba a numerosas persoas malia as baixas temperaturas.

Unha ducia de folións participaban neste encontro que partía pasadas as catro da tarde dende a Finca da Barreira. Como de costume, abrían o desfile Os Labregos, precedidos polos saltos dos seus Boteiros. A partir de aí, podía verse ao folión de Buxán (O Bolo), coas súas coloristas Máscaras danzando ao compás dos bombos e aixadas, así como aos folións de Carracedo da Serra (A Gudiña), Os Arrieiros (Petín), a Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño de Conso, ao folión de Queixa, ao de Manzaneda, A Veiga, A Lardeira e As Maceiras (Trives) e aos Viticultores (Vilamartín).

O desfile, que percorría o centro da vila ata o casco antigo e concluía na praza do Reloxo, pechábase cos Boteiros e o toque do folión de Fradelo (Viana do Bolo). Despois, Os Labregos ofrecíanlle aos folións visitantes unha merenda no pavillón polideportivo.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button