EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Trives acolle a presentación do proxecto de promoción promovido polo GDR Sil-Bibei-Navea

O obxectivo de "A Cociña de Silbina” é dar a coñecer e difundir a oferta de produtos, produtores e transformadores locais dentro do sector agroalimentario así como experiencias turísticas vinculadas a ditas actividades, segundo os seus promotores

 

Os produtos e os produtores son a base do proxecto “A Cociña de Silbina” que se poñía en marcha a finais de 2020 dentro das actuación de promoción do territorio que promove o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea. Trátase dun programa cuxo obxectivo se centra na promoción e difusión da oferta local dentro do sector agroalimentario (especialmente viños da D.O. Ribeira Sacra, queixos, mel, a castaña, a bica ou os embutidos) así como experiencias turísticas vinculadas a ditas actividades, segundo explicaba no seu momento o presidente deste GDR, Francisco Magide.

A idea do Grupo de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea cuxo ámbito de actuación inclúe dez concellos da provincia de Ourense (Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilariño de Conso) era presentar o proxecto en dúas sesións, unha online aos produtores e outra presencial aos concellos para a súa difusión. A primeira si se celebraba en tempo e forma pero a segunda foise retrasando por mor das restricións provocadas pola pandemia, ata hoxe.

 

 

O presidente do GDR Sil-Bibei-Navea con responsables do proxecto na presentación en Trives.

 

Así, na tarde deste xoves 15 de abril, unha boa parte dos alcaldes e/ou representantes dos diferentes concellos que forman parte da asociación, asistían á presentación no Auditorio Julio Vázquez da Pobra de Trives, por parte do presidente do GDR, Francisco Magide, e dos responsables do proxecto, Guti Martín de Sherpa Project e Emilio Cuíñas de Autoxiro.

No acto, Francisco Magide, que acudía tamén en nome do alcalde de Parada de Sil, aseguraba que o obxecto co que nacía a iniciativa era o de impulsar o desenvolvemento rural “e se é posible e por iso traballamos, paralizar a despoboación e incentivar a que veña xente ao noso territorio”, destacando que dende o principio entenderon que “A Cociña de Silbina era un mecanismo con moitísimo potencial para poñer en valor o territorio e os nosos produtos”, sendo ademais un mecanismo dinámico ao que calquera produtor novo pode incorporarse.

 

Folleto/Mapa para percorrer o territorio.

 

No turno da presentación, Guti foi o responsable de enumerar o traballo desenvolto ata o momento: deseño da imaxe da campaña e redes sociais; elaboración do folleto/mapa gastronómico ilustrado con información para poder percorrer o territorio; páxina web; presentación de produtos de cabeceira e produtores; vídeos e book fotográfico para a difususión do proxecto; receitas do territorio; e campaña con influencers. Unhas iniciativas que tamén se poden seguir a través da web que era prestentada por Emilio.

O propio Emilio explicaba que se centraron no produto e nos produtores como a base do proxecto “pero a idea é que sexamos capaces de conseguir poñer en contacto e que traballen de forma organizada a eses produtores con todas as empresas locais de restauración e de distribución e xa despois coas de turismo intentando que todos traballen cun denominador común que permita transmitir a mensaxe e promocionar este territorio dun xeito conxunto. Este é para nós o reto”. A ese respecto, Guti asegurou que malia os problemas derivados da pandemia cumpriron co obxectivo de darlle vida a Silbina (Sil Bibei Navea), percorrendo todo o territorio, “pero este proxecto ten moitas vías para poder seguir. Queremos darlle máis vida, mellorando e aumentando o número de receitas, de produtores…, e traballar para que Silbina se poida converter nunha marca presente nos produtos no territorio”.

A última parte da presentación era a proxección dun vídeo de testemuñas, cunha representación da viticultura heróica, dos artesáns do leite, da protagonista dos magostos e da carne, entre outros.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button