EconomíaEconomíaÚltima hora

Trives acolle unha xornada formativa sobre a Política Agraria Común

O acto contaba coa asistencia do director xeral de Gandaría, quen destacou a importancia destas subvencións europeas para o agro galego

 

A Asociación de Gandeiros do Macizo Central (Agromacen) organizaba na mañá deste 30 de xaneiro unha xornada formativa sobre a Política Agraria Común (PAC) no Restaurante La Viuda de Trives. O acto contaba coa asistencia do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, quen destacou a importancia que destas subvencións europeas para o agro galego, xa que en cada campaña da PAC uns 24.600 agricultores e gandeiros da comunidade reciben arredor de 210 millóns de euros por este concepto.

Cara ao futuro, Balseiros indicou que Galicia segue apostando por unha PAC común para toda Europa, pero que teña en conta as peculiaridades de Galicia. Tamén sinalou que Galicia avoga por prorrogar o PDR para garantir a continuidade de todas as liñas de axudas no 2021 e por un pacto verde europeo que favoreza a adaptación transitoria das actividades agrícolas a ese enfoque ambiental.

José Balseiros salientou que ademais de xestionar estas subvencións, a Consellería do Medio Rural traballa tamén noutros eidos de especial interese para o sector, entre os que citou as futuras leis de recuperación e posta en valor da terra agraria e a de xestión dos residuos agrogandeiros, así como a mesa estratéxica do sector lácteo.

Xestión das dexeccións gandeiras

Sobre a futura lei reguladora do sistema integrado para a xestión das dexeccións gandeiras xeradas en Galicia, o director xeral explicou que se está elaborando na procura do máximo consenso posible con todos os axentes implicados. Dixo tamén que esta norma permitirá contar cunha ordenación legal da produción, recollida, transporte, almacenamento e xestión dos xurros e estercos das explotacións gandeiras galegas, ademais de establecer un sistema integrado de xestión que garanta a trazabilidade destes produtos ata o seu tratamento final. Deste xeito, engadiu, dáse cumprimento ás esixencias medioambientais da Unión Europea nesta materia.

Así, Balseiros insistiu en que o obxectivo final desta norma é acadar a “xestión integral das dexeccións en Galicia dende a explotación gandeira ata o tratamento final dos xurros e estercos”. Deste xeito, ademais de especificar o proceso a seguir con estes residuos, facilitará a produción de enerxías verdes para o autoconsumo. Ademais, segundo o director, redundará na calidade ambiental dos produtos gandeiros galegos e, polo tanto, aumentará o seu valor.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button