ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Trives celebra coa maxia dun conto o Día Internacional do Neno

A iniciativa, promovida pola Biblioteca Municipal, contaba coa colaboración de mestres do colexio e do instituto triveses

A través dun relato moi especial os cativos triveses celebraban, por anticipado, o Día Internacional do Neno (20 de novembro). Así na tarde do venres 18 de novembro o Museo da Escola e Infancia de Trives convertíase en escenario do contacontos “A carta dos desexos”. A iniciativa era promovida polas traballadoras da Biblioteca Municipal de A Pobra de Trives. Tratábase dun conto dirixido a cativos de 0 a 8 anos, onde se resaltaba a importancia dos dereitos dos nenos.

Era unha historia “para festexar o Día Internacional do Neno e coa axuda de mestres do Colexio e do Instituto; un xeito de tecer redes entre as bibliotecas deses centros e a biblioteca pública camiñando todas para suliñar a importancia da lectura dende ben nenos”, explican dende a Biblioteca Municipal de Trives.

Este é xa o terceiro ano que dende esta instalación cultural trivesa se promoven pequenos contacontos para os cativos. Ao primeiro deses contacontos asistían 12 rapaces, e “agora é algo moi máxico ver o Museo cheo de pais e nenos acompañando estes pequenos relatos. Arredor de 60 persoas entre grandes e pequenos encheron o día 18 de novembro o Museo da Escola e da Infancia, un entorno inmellorable para sumerxirnos no marabilloso mundo dos libros e as aventuras”, aseguran as traballadoras da Biblioteca Municipal de Trives.

Fotos cedidas pola Biblioteca Municipal de Trives

Artigos relacionados

Back to top button