En portadaÚltima horaVídeos

Trives celebra unha Festa da Bica diferente e solicita que se declare de interese turístico galego

Os actos desta xornada céntranse nun animado pasarrúas do grupo Os Bertolini pola vila, mentres na hostalaría pode degustarse este doce

 

Trives celebra neste domingo 26 de xullo unha XLVII Festa da Bica diferente. Primeiro porque a situación de crise sanitaria modificou e limitou o programa desta edición cunha alborada e pasarrúas a cargo do grupo tradicional Os Bertolini, da veciña Manzaneda. O seu ritmo comezaba a envolver a vila a partir das 10h. cun traxecto que se iniciaba na Casa do Concello.

Ían facendo paradas en cada un dos establementos de hostalaría da localidade, onde ademais os cafés podían acompañarse do doce estrela trivés, hoxe homenaxeado: a bica. Tampouco faltaba á cita a pulpeira que acostuma subir cada ano á serra dentro desta celebración e que hoxe estaba co seu posto en Trives.

 

 

Outro motivo especialmente importante que fan singular esta edición é o feito de que o Concello de Trives vén de presentar á Xunta de Galicia a solicitude para declarar de interese turístico galego a Festa da Bica, tal e como confirma a alcaldesa, Patricia Domínguez.

“Foi un traballo de meses de recompilación de documentación relacionada para dar soporte á solicitude, un informe cultural ao que damos as grazas a Francisco Trives (Francisco García) pola súa colaboración. Outro informe elaborado por Ricardo Vieites, o noso Policía Local, e unha memoria redactada integramente polo equipo de goberno de este concello.
Damos grazas especiais a D Joaquín Paz Blanco, o seu amor por Trives quedou plasmado na súa marabillosa hemeroteca que empregamos, coa colaboración da súa familia, para fundamentar esta histórica solicitude. Dende o ceo, estamos seguros, sentirase orgulloso do seu pobo”, resalta a rexedora trivesa.

 

 

Así dende o pasado venres 24 de xullo ás 21:47h “quedaba rexistrada a solicitude que, tras os trámites oportunos, esperamos que nun prazo aproximado de 4 meses reciba a aprobación e recoñeza esa antiga demanda do noso pobo que ata o de agora non fora atendida”, indica Patricia Domínguez.

Malia que esta edición da Festa da Bica é completamente diferente ao habitual, a rexedora de Trives indica que “a nosa intención é recuperar nos vindeiros anos todo o esplendor que esta festa deu aló no cumio da serra ao noso pobo, axudados sempre polos nosos veciños de Manzaneda que hoxe acudiron a deleitarnos con unha alborada, das de antes! Así que sacade para eles o anaquiño de Bica e licor e disfrutade todos hoxe, nesta Festa da Bica, como cada último domingo do mes de xullo”, conclúe.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button