ConcellosÚltima hora

Trives celebrará as Letras Galegas con contos, lecturas, rutas e música galega

O peche da festa está previsto para o venres 18 coa presentación do novo disco do rues Magín Blanco, “Camiños”
Imaxe dunha das actividades das Letras Galegas do 2017 en Trives./ Foto: Concello de Trives.

Cun completo programa de actividades festexará Trives ao longo dunha semana as Letras Galegas. Lecturas, paseos, pinturas, contos, música en galego nestes días… Comezarase o 16 de maio co Correlingua, unha carreira a prol da lingua onde arredor das 11:30h. os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso percorrerán as rúas do casco vello da vila trivesa.

Xa o día 17, propio Día das Letras Galegas, pola mañá sairá dende a Oficina de Turismo, diante do Colexio Santa Leonor, unha ruta de “Sendeirismo Familiar” de aproximadamente 4 km. No seu decurso haberá lecturas de poesía e de obras da homenaxeada este ano polas Letras Galegas, María Victoria Moreno. Esta actividade está organizada polas traballadoras da Oficina de Turismo.

As celebracións continuarán pola tarde con “Pintar en Galego…mola!!”. Ás 17h. no Parque da Praza de Abastos proseguirase coa actividade iniciada xa hai un ano de pintar no parque enchendo o muro coas palabras galegas máis fermosas, mentres os máis pequenos tamén farán os seus pequenos murais de papel en galego. “Faremos unha vez máis ao noso idioma o único protagonista e que así quede reflexado”, indican dende o Concello trivés.

O peche da festa está previsto para o venres 18 coa presentación do novo disco do rues Magín Blanco, “Camiños”, adicado ao público infantil e xuvenil. O concerto será ás 20h. no Auditorio Julio Vázquez, e a entrada é de 3€. A venda de entradas será media hora antes do concerto, no propio Auditorio.

No marco das Letras Galegas, o Concello de Trives tamén ten aberta a convocatoria dende o 2 de maio do I Concurso de Contos Curtos “Cóntame un contiño”. O prazo de presentación de traballos rematará o día 14. As bases poden consultarse páxina web do concello: www.apobradetrives.es.

Artigos relacionados

Back to top button