CulturaCulturaÚltima hora

Trives conmemorará o 27 de outubro Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

Ao mediodía descubrirase unha placa na porta do cemiterio municipal “na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”

 

Cartel deste evento.

Cun acto no cemiterio municipal o vindeiro 27 de outubro ás 12:30h. Trives sumarase aos concellos galegos que conmemoran o “Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia”. Este evento está promovido, xunto co Concello, pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística coa intención de lembrar que a pesares de que é práctica habitual nos cemiterios a instalación de lápidas en castelán a meirande parte das persoas que alí xacen eran galegofalantes.

Unha placa que se descubrirá nesa mañá na porta do cemiterio trivés recordará a todos os que alí repousan, baixo a lenda “na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”, e entre outros tamén haberá nese mesmo lugar un acto de sinatura de derradeiras vontades, para que todo aquel que o desexe exprese por escrito a decisión de que, unha vez falecido, a súa liturxia sexa en galego.

O alcalde da Pobra de Trives, Domingo Diéguez, sumarase a esta firma animando á toda a veciñanza a que así o faga “en apoio da lingua galega e da recuperación da memoria histórica, poñendo en valor o noso idioma e tentando cambiar as mentalidades para que se deixe de discriminar ao galego nos camposantos, tanto nas lápidas, como nas liturxias o unas necrolóxicas.”

A idea desta celebración coincidente co Día de Defuntos ou datas próximas, xurde da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

Artigos relacionados

Back to top button