CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Trives di adeus ao tempo da troula co Enterro da Sardiña

Tiña lugar na noite do 6 de marzo e nesta ocasión estaba organizado polo Folión A Lardeira

Arredor das nove da noite do 6 de marzo os membros dos folións de Trives reuníanse en Santa Leonor para despedir como é debido o Entroido co Enterro da Sardiña. Nesta ocasión os organizadores eran os integrantes da Lardeira, que preparaban unha saborosa merenda-cea a base de orella, lacón e tortilla, entre outras propostas, e na que non faltaban as típicas sobremesas doces propias destas datas e, por suposto, a bica.

Despois dábase paso ao ceremonial propio do enterro, cunha procesión que percorría o casco antigo da vila e que ía precedida por unha orixinal carroza. Nela a sardiña aparecía, nesta ocasión, enganchada ao anzol dun pescador. Ao longo do traxecto facíanse diversas paradas nas que os bares agasallaban aos membros do cortexo fúnebre con bebidas e tamén soaban os versos satíricos.

Xa de volta a Santa Leonor, o ritual concluía co Meco entre as chamas como símbolo do fin do tempo do Entroido.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button