En portada

Trives e Manzaneda únense na defensa dun rural cun futuro

Os promotores do “Foro Trives 2015” facían pública unha “declaración en defensa do medio rural” no remate do ano
Os alcaldes de Manzaneda e Trives e a presidenta da Cooperativa TuTrives, no intre de facer pública a declaración.
Os alcaldes de Manzaneda e Trives e a presidenta da Cooperativa TuTrives, no intre de facer pública a declaración.

Cunha reclamación, un chamamento e un convite finalizaba a declaración conxunta que facían a Cooperativa TuTrives e os concellos de Trives e Manzaneda na mañá do 30 de decembro nun acto que servía como broche á primeira edición da iniciativa “Foro Trives 2015”. Nel participaban os alcaldes de Trives, Francisco Fernández, e Manzaneda, David Rodríguez, así como a presidenta da citada cooperativa, Ascención Fernández.

Así os promotores deste foro plasmaban no documento unha reclamación “aos poderes públicos para que as xentes que viven no rural galego teñan, tamén de feito que no só de dereito, as mesmas oportunidades e recursos dos que dispón calquera persoa que viva na cidade”.

Neste senso, chaman “a todos os axentes, públicos e privados, que interveñen no medio rural galego e nomeadamente á Xunta de Galicia e ao Goberno central, para que apoien dun xeito decidido os proxectos e aos emprendedores que traballan no medio rural. A eles corresponde ditar leis e impulsar medidas que permitan facer posible a economía e vida no rural”.

Asemade convidaban á sociedade, “do rural ou non”, para que pense que nos pobos é posible traballar e vivir con dignidade e calidade de vida. Que son moitas as oportunidades de botar a andar proxectos e iniciativas en case calquera actividade económica”.

Para os organizadores deste foro, que terá unha nova edición no 2016, entre todos e “traballando xuntos, con decisión e honestidade, seremos quen de dar unha oportunidade ao noso medio rural galego”.

Máis información na edición en papel de xaneiro do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button