Publicidade
En portadaÚltima hora

Trives estrea autocine da man do filme “María Solinha”, dirixida polo valdeorrés Ignacio Vilar

Dende o Concello adiántase que se proxectarán "máis películas deste tipo e haberá máis actos culturais en todo o verán, sempre con todas as medidas de seguridade"

 

A Finca da Barreira de Trives convertíase na noite do 4 de xullo nunha sala de cine moi particular. Contaba cunha gran pantalla (de ata 16 m) ao fondo e cun amplo espazo ao aire libre no que, a partir das 20:30h., se ían situando os vehículos para asistir á estrea na comarca do filme “María Solinha”, dirixido polo valdeorrés Ignacio Vilar, e ao mesmo tempo á do seu primeiro autocine.

Á luz da lúa chea, ás 22:30h. daba comezo a presentación da proxección (a primeira deste tipo na parte oriental da provincia de Ourense), na que se contaba coa asistencia director petinés, acompañado pola concelleira de Igualdade de Trives, Cristina Paz, e pola alcaldesa, Patricia Domínguez, así como por Xoán Mariño da empresa de exhibición e distribución Mr. Misto.

Vilar destacou a boa acollida que está tendo a película, cuxa estrea en cines comerciais se truncaba pola crise do Covid, un atranco que o director convertía en oportunidade ao apostar, por vez primeira, por facer a estrea no rural antes que nas cidades, levando a película a aquelas localidades que non dispoñen de cine comercial. E iso a través dun dobre formato: o autocine e o cine ao aire libre. A prémiere galega tiña lugar en Redondela, logo o filme estreábase en Verín, “o primeiro autocine da historia en Galicia”, e agora chega a outras localidades como é o caso de Trives.

O cineasta petinés convida ao público a achegarse a este filme, entre outros motivos, “porque é unha crónica da imparable enerxía feminina deste mundo, fronte a tantos dragóns ou COCOS malos (de Redondela ou de onde sexa) que saen das covas, unha e outra vez, para devorar a carne viva do mundo”. A longametraxe conta a historia de “María Solinha”, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición, pero vai moito máis alá retratando unha serie de situacións que se van repetindo no tempo ata a actualidade.

“O máis interesante deste proxecto novo é comprobar como a imaxinación serve para reinventar un proxecto como este de Xoán Mariño e Ignacio Vilar, que nos parece orixinal e ademais moi atractivo para o medio rural porque supón achegar a cultura ao medio rural, onde non temos tantas oportunidades. Ademais supón comprobar que a responsabilidade individual de cada persoa vai favorecer que todas as persoas poidan desfrutar dun evento colectivo e estamos encantados de facelo e creo que repetiremos”, destacaba a concelleira Cristina Paz.

 

 

Ademais a rexedora de Trives, Patricia Domínguez, amosáballe o seu agradecemento a Ignacio Vilar e a Xoán Mariño, “por acompañarnos hoxe aquí, e tamén quero tamén dar as grazas a Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, que hoxe ía estar aquí con nós, pero por motivos de campaña non puido ser”.

A alcaldesa destacou que “Trives apostou, aposta pola cultura e seguirá apostando. Proxectaranse máis películas deste tipo e haberá máis actos culturais en todo o verán, sempre con todas as medidas de seguridade”.

Esta primeira proxección de autocine en Trives realizábase mantendo todas as medidas de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias e para regular o acceso ao recinto contábase coa colaboración de Protección Civil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close