ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Trives maniféstase “pola igualdade e contra a violencia de xénero”

Unha ruta, un photocall e música, entre os actos conmemorativos do Día Internacional contra a violencia machista

A violencia de xénero “segue sendo unha das maiores lacras desta sociedade”, aseguran dende o Concello da Pobra de Trives, lembrando que “é preciso tomar conciencia de toda esta situación que nos rodea” manifestándose no Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, cunha serie de actos cos que “denunciamos esta eiva social”, din.

Co obxectivo de “promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres”, nacía unha campaña de sensibilización na que tamén se implicaron os establacementos, institucións e axentes sociais do municipio tinguindo os seus locais coas camisetas “Trives, en Negro” que foron repartidas dende o Concello, xunto a corazóns negros cargados de mensaxes reivindicativas.

E xa na mañá do 25 de novembro, comezaba o acto cunha pequena ruta polas rúas de Trives para rematar na praza do Pilón onde dous mozos de IES Xermán Ancochea Quevedo leron o manifesto no que o Concello reiteraba o seu “compromiso para loitar pola erradicación das violencias contra as mulleres e tamén dar conta de que algo que compromete a todas e a todos”. Outra das actividades foi un photocall con diversas frases contra a violencia de xénero, co fin de sensibilizar a todas e todos os asistentes: “Sempre libre e viva”, “Respeta as miñas decisións”, “si e si, non e non”,…

O broche ao acto poñíao a música coa interpretación de dúas pezas: unha ao violín da man dunha alumna do IES Xermán Ancochea Quevedo e a outra ao violonchelo, da man dunha alumna do CEIP Manuel Bermúdez Couso.

Fotos: Concello da Pobra de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button