ConcellosEn portadaÚltima hora

Trives, Manzaneda e Río, unha loita decidida e conxunta contra o COVID-19 dende o rural

Estes tres concellos da área do PAC de Trives apostaban días antes de decretarse o estado de alarma pola anticipación, a información e a prevención para poñerlle cerco ao coronavirus

De esquerda a dereita: Amable Fernández, alcalde de Manzaneda; Xosé Miguel Pérez, alcalde de Río; e Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives.

Anticipación, información, prevención, concienciación social e moito traballo conxunto e coordinado. Apoiándose nestes piares os concellos da Pobra de Trives, San Xoán de Río e Manzaneda unían forzas e desenvolvían a partir do 12 de marzo (antes de que se decretase o estado de alarma) unha estratexia conxunta fronte ao coronavirus. O seu obxectivo era moi claro, tendo ademais en conta a gran porcentaxe de poboación maior destes tres municipios de montaña, salvar vidas.

“Tanto Manzaneda, como Río e Trives, temos que ir ao PAC de Trives, entón de pouco vale facer as cousas por libre, neste caso vimos que era necesario xuntarse e seguir as indicación da xente que máis sabe neste tema, os sanitarios. Fixemos unha primeira reunión con eles na que nos explicaron como é o virus, cal era a situación e como se debía actuar. Dende entón fumos mantendo unha serie de xuntanzas os tres concellos para ir valorando as medidas a tomar en cada momento, algo do que tamén se ía informando ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Policía Local e Garda Civil)”, lembra o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

Máis dun mes despois, os tres concellos fan un balance positivo do traballo e esforzo realizado, destacando ademais a gran colaboración dos veciños e o apoio do voluntariado, tendo en conta a limitación de recursos destes municipios do rural e da montaña ourensá.

“O lema dos tres concellos dende un principio foi que máis valía pecar de precavidos que ter que lamentarnos despois. Os expertos inciden en que a mellor medicina que hai hoxe para o coronavirus é a prevención e nós, nese senso, facemos todo o que podemos con nosos medios”, di Amable Fernández, alcalde de Manzaneda, un municipio que, polo de agora, se mantén libre de coronavirus.

 

Exterior do Centro de Saúde de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Unha das nosas apostas foi a da información para facilitar que a xente se concienciase, e precisamente isto, está a ser un esforzo grande”, engade Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives. De forma semellante se manifesta o rexedor de Río, quen incide ademais en que, pese a que tiveron que superar diversos atrancos neste tempo, “penso que se actuou acertadamente e en moitos aspectos fumos anticipándonos en semanas a outros concellos doutras áreas sanitarias e do resto do Estado”.

A área do PAC de Trives, que publica diariamente as cifras de casos, rexistra 7 positivos de coronavirus e 1 falecido no municipio de San Xoán de Río e 11 positivos en Trives. Polo de agora, non hai ningún contaxio nas tres residencias da terceira idade da zona. Nas de Trives e Manzaneda (con persoal confinado cos usuarios) facíanse nesta semana tests de cuxos resultados se está pendente. Ademais, Río está á espera de que se fagan tamén test na residencia deste municipio. Os tres alcaldes son conscientes de que está é unha carreira de fondo, pero apostan por seguir adiante con unidade.

A Pobra de Trives

O 12 de marzo comezaban a aplicarse en Trives as primeiras medidas fronte ao coronavirus. Nese momento non se tiña constancia de ningún positivo no municipio. “Ordeamos o peche de todos os edificios públicos (Casa da Cultura, biblioteca, oficina de turismo…), daquela era por unha semana, pero ao día seguinte decretouse o estado de alarma, así que a situación foise prorrogando”, indica a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez.

Ese mesmo 12 de marzo o Concello de Trives realizaba unha redistribución e readaptación dos seus servizos municipais, optando polo teletraballo nos casos nos que era posible e establecendo unha serie de quendas rotatorias nos servizos activos, como por exemplo, a atención ao público co fin de minimizar riscos, así como un protocolo no servizo de asistencia a domicilio. “O Concello encargou e mercou mascarillas e guantes, ademais adquirimos xel hidroalcohólico para que puideran usalo na prestación. Houbo tamén moitos usuarios que chamaron ao Concello para dicir que prescindían voluntariamente dos servizos sociais, sobre todo no relativo á limpeza, algo que agradecemos moito á poboación porque tamén axuda a evitar riscos”, lembra a rexedora.

E xa o 13 de marzo pola mañá, ante a chegada a Trives de moitísima xente doutras comunidades, emitimos un bando como medida de prevención recomendando aos negocios, en especial aos da hotalaría, que pechasen. A acollida foi moi solidaria e, de feito, moitos deles xa se plantexaban pechar, entón foi unha resposta moi rápida e ese día despois de comer non había ningún local de hostalaría aberto. Foi un acerto dos empresarios porque sen esa decisión, ao mellor, a situación actual sería moito peor, que non é mala, pero tampouco a desexada. O desexado era que tivesemos cero contaxios”, asegura a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez Barja.

 

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez./ Foto cedida.

 

O Concello de Trives puxo a disposición da xente dúas liñas de teléfono para atención de urxencia ou para compras de alimentos e medicinas, que realiza e entrega Protección Civil de Trives “que colabora con nós dunha maneira brillante”, di a rexedor. Ademais creouse un “Plan contra a Soidade” para a veciñanza, contando cos traballadores sociais e coa psicóloga do Centro de Información á Muller.

Ao mesmo tempo traballábase de forma conxunta cos Concellos de Manzaneda e San Xoán de Río para buscar a substancia máis adecuada para a desinfección de rúas, apostando polo hipoclorito sódico. Ademais no PAC de Trives habilitouse unha zona illada para posibles casos de COVID-19, instalouse un interfono e unha rampa de acceso para camillas e unha máquina de ozono “para a desinfección dos equipos de protección individual, das ambulancias, dos vehículos de Protección Civil e dalgúns vehículos de persoas que, polo seu traballo e risco de contaxio, o precisan como, por exemplo, os taxistas. Entre os tres concellos fixemos campañas de concienciación e ofrecemos información diaria sobre o coronavirus. Ademais realizamos solicitudes de material a todas as administracións e estamos tendo unha colaboración excelente coa Policía Local e coa Garda Civil de Trives, tendo ademais en conta o incremento poboacional que tivemos”, indica Patricia Domínguez.

A rexedora resalta o “traballo inxente e o esforzo” destas semanas, así como a gran colaboración da veciñanza, “houbo quen nos ofreceu instalacións como hoteis, hai xente que nos leva pasteis todas as mañás ao Concello e á residencia de maiores, ofrecéronnos mascarillas, contamos coa colaboración dos bombeiros forestais da Xunta, con moitos voluntarios, con xente que nos ofrecía tractores… E logo, o comportamento e a unión do pobo, que está sendo exemplar e da que nos sentimos moi orgullosos”.

E tamén lembra o esforzo da residencia da terceira idade, dependente da Mancomunidade Bibei-Navea, que tomou co anticipación diversas medidas preventivas e cuxas traballadoras están confinadas cos usuarios. “Demostran unha tremenda profesionalidade e un amor polo traballo”, conclúe Patricia Domínguez.

Manzaneda

Ademais de ocuparse da xestión municipal nun momento complexo como o actual, Amable Fernández, alcalde de Manzaneda, reparte medicinas e alimentos entre os seus veciños xunto a Protección Civil e xestiona trámites administrativos para facilitar que os maiores non teñan que saír das súas casas. “Cantos menos desprazamentos haxa, máis posibilidade de ter saúde, que é o que nos importa a todos”, asegura.

No seu día a día, “non hai sábados nin domingos, son 24 horas pendente. Ás veces resulta un pouco estresante porque non das chegado a todo o que queres, cómpreche o tempo porque son moitas pequenas cousas. Xa ao principio de todo fixemos un bando con varios números de contacto do Concello para poder axudar á xente que o precise e eu estou encantado de que me chamen e de poder botar unha man. E aínda é máis gratificante vendo que resultados que, ata agora, nos acompañan, iso reforza o noso traballo. Aínda que a tensión está aí, porque sabemos que tarde ou cedo, por desgraza, o coronavirus vai chega; estamos intentando é retrasar iso o máximo posible”, recoñece o rexedor.

 

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, entregando guantes a unha empresa de alimentación do seu municipio./ Foto cedida.

 

Xunto a Río e Trives, Manzaneda apostaba dende o inicio da crise pola prevención e a desinfección en diferentes puntos do municipio. “Empezamos coa máquina sulfatadora pero ao segundo día xa collemos o camión de bombeiros para actuar en zonas como a residencia de maiores, o centro de día, os supermercados, a farmacia e desinféctase dúas veces ao día, á mañá e á tarde. Tamén se desinfectan os contenedores da vila e das aldeas”, explica.

Malia que a finais de marzo comezaban a recibir material de protección da Xunta, éste non é suficiente para cubrir as necesidades de Manzaneda, pero tratan de xestionar do mellor xeito posible os recursos que teñen. “Nos dous supermercados de Manzaneda e no de Raigada puxemos unha caixiña para irlle dando á xente que vaia mercar unha mascarilla para que ninguén quede sen ela. Tamén llas damos aos veciños que van ao Centro de Saúde, á xente que ten que facer visitas. Ademais entregámosllas ás seis traballadoras de Servizos Sociais que atenden á xente polos pobos. A día de hoxe as mascarillas non son fáciles de conseguir, pero intentamos dalas onde se produce máis aglomeración de xente”, comenta Amable Fernández.

Destaca a gran resposta dos veciños ás medidas aplicadas e o seu alto grao de concienciación, sobre todo da xente maior. Algo no que este Concello, xunto a Río e Trives, incidiron con campañas como a de “Mata o virus, lava as mans”, con pegatinas colocadasa nos contedores “que é o lugar dunha aldea onde máis xente pode tocar. Saen de casa a tirar o lixo, volven e poden confiarse. E logo ves como os veciños que non teñen guantes estanse acostumando a lavar as mans cada pouco, un hábito moi bo porque esta pandemia seguramente vaise quedar un tempo con nós e, mentres non haxa un tratamento eficaz ou unha vacina, hai que tomar este tipo de precaucións”.

San Xoán de Río

Dende o primeiro minuto “apostamos pola información, para que todo o mundo fose consciente da situación e fumos adoptando medidas de prevención e de precaución, establecendo protocolos de actuación para diversos escenarios que se podían dar, anticipándonos en semanas a outros concellos”, subliña Xosé Miguel Pérez, alcalde de San Xoán de Río. As redes sociais deste Concello, xunto coas de Manzaneda e Trives publican diariamente información relativa ao Covid-19 nesta zona e noutros puntos de Galicia, e mesmo de carácter estatal.

Considera que o principal cabalo de batalla son as residencias da zona, “é a poboación de máis risco, os lugares onde se pode concentrar máis poboación en poucos m2, aumentando en caso dun contaxio a carga vírica. E nelas fóronse tomando medidas extraordinarias, sempre consensuadas cos médicos”. Neste senso, unha das súas demandas eran os test para usuarios e persoal, por agora queda pendente a súa realización na residencia de Río.

Este Concello tomaba a súa primeira medida o 11 de marzo, emitindo un bando para que non viñese xente doutras comunidades autónomas aquí e o día 12 acordouse traballar a porta pechada nos Concellos de Río, Trives e Manzaneda e o 16 de marzo a primeira hora, dous días despois de que se decretase o estado de alarma, en Río celebrábase un gabinete de crise do coronavirus (coa asitencia do grupo de goberno, da oposición e de Protección Civil), que acordaba unha serie de medidas como o servizo a domicilio de medicamentos e alimentos, a través de Protección Civil, que xa funcionaba ese mesmo día para evitar que a xente saíse de casa.

 

O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez, no seu despacho cunha traballadora do Concello./ Foto cedida.

 

“Nese momento en Galicia ese gabinete só o fixera Vigo, despois todo o mundo montou os seus gabinetes. Tamén fumos dos primeiros hai tres semanas en obrigar á xente a entrar nos locais con mascarillas, feitas por voluntarios, e desinfectando as mans, en desinfectar con hipoclorito sódico, en facer campañas de concienciación”, comenta Xosé Miguel Pérez. Cre que o conxunto de medidas tomadas, entre elas o confinamento da xente chegada de fóra e o control dos positivos que foron saíndo e dos seus contactos, “permitiu que os casos de Covid-19 existentes sexan mínimos e de baixa intensidade”.

Fai fincapé no gran apoio do voluntariado, “pese a ter poucos recursos, na xente hai vontade por axudar, tendo en conta ademais que estamos nunha situación excepcional, e en concellos como o noso, con poucos medios, toca tirar de enxeño”, di Pérez Blecua. E tamén buscar manter o ánimo dos seus veciños con singulares iniciativas como a reparación dos tres altofalantes instalados entre a Casa do Concello e o pavillón polideportivo, que levaban 20 anos sen utilizarse, para emitir a través deles música e mensaxes de apoio de persoas de Río que están fóra e teñen aquí á súa familia.

O alcalde de Río esta convencido de que “das decisións que se tomen nesta crise vai depender salvarlle ou non a vida á xente. Nós intentamos centrarnos en salvar a vida da xente e o futuro diranos se temos ou non razón. Esta pandemia vai cambialo todo, empezarán a baixar os casos e haberá unha saída gradual, pero non imos ter a liberdade de antes para saír á rúa, manterase un semiconfinamento e traballarase doutra forma”.

Artigos relacionados

Back to top button