CulturaCulturaÚltima hora

Trives presenta o seu amplo e variado programa de actividades de verán

Este conxunto de propostas desenvolverase entre os meses de xullo e setembro
Imaxe dunha das rutas teatralizadas organizadas o pasado ano polo Concello de Trives./ Foto: Concello de Trives.

Dende deportes, narración oral e gastronomía ata música e sendeirismo familiar e exposicións. Durante esta tempada estival, sobre todo nos meses de xullo e agosto, un amplo abano de actividades están programadas dende os distintos servizos do Concello da Pobra de Trives e dende as asociacións do mesmo, “para facer un verán diferente, entretido, divertido e para todos os públicos aquí na nosa vila, dende a cultura, o ocio e o deporte”, tal e como se destaca dende esta Administración local.

Así neste verán trivés os mércores estarán cargados de natureza, sendeirismo e teatro. “Por un lado contaremos con rutas de sendeirismo familiar de dificultade baixa para que a veciñanza da vila e os turistas que nos visiten nesas datas poidan dar un paseo en pleno contacto coa natureza coñecendo os recuncho máis fermosos que nos rodean”, proseguen dende o Concello. Estas rutas desenvolveranse durante a mañá, a partires das nove, os mércores 17 e 31 de xullo e 14 de agosto. As inscricións faranse na Oficina de Turismo ata o día antes da ruta, e son de balde.

Por outra banda, está prevista outra nova edición de sendeiros nocturnos teatralizados, un teatro no que participan “con ganas e ilusión, ademais de traballadores do Concello, veciños do pobo, dándolle así un punto máis entrañable”. Estas terán lugar os mércores 24 de xullo e 7 de agosto, teñen un prezo de 3€ e nelas as prazas son limitadas (100 persoas), sendo as inscricións das mesmas na Oficina de Turismo.

Abre as súas portas novamente o club de lectura, onde os lectores e lectoras terán a súa cita cada mércores ás 12 da mañá gozando xuntos da lectura polas terrazas da zona vella. Para anotarse deben dirixirse á Oficina de Turismo.
O cine tamén está presente este verán de Trives e xa comezou a primeiros de xullo coas súas proxeccións. 4 e 11 de xullo, e 8 e 21 de agosto ás 22:30h no Auditorio Julio Vázquez son as datas marcadas para esta actividade.

O venres 26 de xullo no Auditorio Julio Vázquez ás 20:30h terá lugar o monólogo-comedia “NABIZA GIRL” de Isabel Risco. As entradas estarán á venda desde unha hora antes do espectáculo en taquilla no propio Auditorio e teñen un prezo de 5 €. As prazas son limitadas.

 

 

Da Festa da Bica ás da Dolorosa e o Cristo

Un dos eventos máis fortes do verán é a Festa da Bica que terá lugar na fin de semana do 27 e 28 de xullo cun completo programa de actividades. Tampouco faltarán as tradicionais Xornadas de Folclore, que chega á Pobra de Trives o martes 6 de agosto. O espectáculo será ás 22:30h. no Patio Santa Leonor.

O pianista trivés, residente na actualidade nos EE.UU., Fabio Álvarez, dará un concerto solidario de piano o sábado 10 de agosto ás 20h. no Auditorio Julio Vázquez. As entradas teñen un prezo de 5€ e o total da recadación será destinado á Asociación Española Contra o Cancro. O aforo é limitado. As entradas estará á venda na Oficina de Turismo, Librería Estampero e Librería Mi Libro. Tamén haberá Fila 0. Ao remate do mesmo, os asistentes serán obsequiados cuns petiscos no propio auditorio. O luns, día 12, o propio Fabio Álvarez impartirá unha Master Class para alumnos de piano, esta será no Auditorio Julio Vázquez e a matrícula será gratuíta. Para inscribirse deben facelo no teléfono 696252517.

Unha cita que nunca pode faltar no verán trivés é o Día da Bici, que este ano se celebrará na mañá do 11 de agosto, onde as familias se reúnen para pedalear xuntos polo noso territorio. Ás Festas do San Bartolomé son o 24 e 25 de agosto, e o sábado 24, en plenas festas, desde a área de deportes organízase novamente a Carreira San Bartoliño para nenos e nenas.

Durante estará aberta ao público a exposición “Recuperart” de Joaquim Riela na Sala de Exposicións de Santa Leonor, do 2 ao 17 de agosto. E do 19 de agosto ao 22 de setembro poderá visitarse unha mostra de pintura de Aurora Espina, tamén na mesma sala.

En setembro as grandes protagonistas son as Festas do Cristo e da Dolorosa, que se festexarán os días 14 e 15. Co verán a piques de rematar, o 9 de setembro teremos a VII Andaina do Concello da Pobra de Trives.

 

 

Piscinas, Torneos de Fútbol e Divertrives son tamén outras das actividades destacadas destes meses na vila trivesa.
Para formar o programa de verán, ademais das actividades levada a cabo dende o Concello, diversas asociación da vila realizan diferentes actividades culturais que completan un verán único na Pobra de Trives, proba diso son as diferentes actividades deportivas da man do Club de Montaña Trives, a Concentración Mototurística do Motoclub Os Esquíos, o Entroido de Verán da A.C. A Caniceira, a Festa Medieval da A. C. Fulión de Sobrado, Festival e Master Class de zumba da man do Ximnasio Trivesport, Concertos da Banda de Gaitas ou da Rondalla…

“Dende o Concello da Pobra de Trives convidámosvos a todos e todas a que veñades a pasar o verán con nós, que non volo conten…vide a vivilo dende dentro”, destacan dende esta administración local.

Artigos relacionados

Back to top button