ConcellosTrivesÚltima horaVídeos

Trives recibirá 368.974 euros para un proxecto de rexeneración do comercio

O subdelegado do Goberno en Galicia visitaba hoxe esta vila xunto ao subdelegado do Goberno e a alcaldesa de Trives

 

Ata A Pobra de Trives desprazábase esta mañá o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen estaba acompañado pola alcaldesa deste municipio, Patricia Domínguez, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González. Durante a visita José Miñones destacaba que o Goberno destina 843.616 euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a tres proxectos na provincia de Ourense para o fomento e a modernización do comercio en zonas turísticas e en zonas rurais. Estes fondos forman parte das liñas de axudas para impulsar a competitividade do sector comercial do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, que contemplan unha dotación de 4,17 millóns de euros para 9 proxectos en Galicia.

Un deses concellos é o da Pobra de Trives, cuxo proxecto para a rexeneración do comercio recibirá 368.974 euros, enmarcados na liña de axudas a zonas de afluencia turística. O delegado do Goberno visitaba a zona comercial na que se desenvolverá a iniciativa e sinalou que a mesma “permitirá posicionar a vila como o centro neurálxico de comercio da comarca, con comerciantes cualificados e nunha contorna sostible que convide a decantarse polo comercio local, ofrecendo todas as facilidades de compra de forma presencial e online”.

 

 

Pola súa banda, a alcadesa de Trives, Patricia Domínguez, sinalaba que “estamos moi orgullosos do traballo de moitos meses que acredita unha solvencia na xestión do Concello, un compromiso co comercio de proximidade, tamén co comercio de base tecnolóxico, coa Axenda 2030 á que estamos adheridos, coa nosa poboación, co turismo e en xeral vai supor para o noso pobo unha transformación no que vai ser o eixo neurálxico de todo o comercio, coa natureza. E o que nos acaban de conceder é unha subvención que dá resposta a unha solicitude, feita dende o Concello ao goberno central, que amosa con este territorio a súa sensibilidade despois dunha crise moi dura que todos os comerciantes e toda a poboación en xeral vén de sufrir e isto vai a servir para o fortalecemento do comercio, para a difusión do noso pobo porque se van levar a cabo unha serie de liñas transversais que inclúen dende infraestruturas con obra civil ata o comercio de base tecnolóxica a difusión e promoción do noso pobo, tamén a instalación de puntos wiffi no noso pobo, o ecoloxismo a través de diferentes accións que se van levar a cabo”.

Domínguez resaltaba así mesmo que se trata do “investimento máis importante que se leva feito en Trives nos últimos 12 anos, xunto coa achega das luminarias LED, tamén con axudas do goberno central, que empezamos xa o ano pasado a coloar en varias aldeas, e seguiremos a implantar a partir de febreiro no resto do municipio”.

José Miñones iniciaba a súa intervención asegurando que con esta visita preténdese “amosar o compromiso co municipalismo e felicitar ao Concello porque A Pobra de Trives ponse á altura do Concello de Vigo ou da Deputación de Pontevedra xa que foron os únicos que conseguiron axudas directas dende o goberno para esta liña especial dentro das de comercio precisamente para potenciar as zonas turísticas, para multitude de actuacións”.

 

 

Ademais Miñones explicaba que na provincia de Ourense hai outras dúas iniciativas que son beneficiarias da liña de axudas a mercados rurais sostibles. Trátase das presentadas pola Deputación de Ourense e pola agrupación de concellos “Ourense Norte Reacciona” (da que forman parte 16 municipios), que percibirán entre ambas axudas por valor de 474.642 euros para a modernización e fomento da actividade comercial en zonas rurais, mellorando a competitividade, sostibilidade e diversificación da súa economía.

O delegado do Goberno salientou que con estas axudas do Plan de Recuperación, “o Goberno realiza unha inxección económica clave para a recuperación do sector comercial, composto especialmente por pemes e autónomos, potenciando a súa transformación dixital e sostible. Pero tamén busca reforzar o tecido comercial nas pequenas e medianas poboacións e nas zonas turísticas”.

 

José Miñones sinalou que “dende o Goberno queremos que estas actuacións incidan directamente en beneficio dos comerciantes, xerando oportunidades de emprego especialmente nas zonas rurais para afrontar o reto demográfico”.

Por iso, animou aos concellos e as deputacións a aproveitar a oportunidade que ofrecen os fondos do Plan de Recuperación para potenciar e transformar a rede comercial, cunha dotación total de 415 millóns de euros para os próximos tres anos. “É preciso apostar polo impulso do comercio de proximidade, que é o motor económico e social das nosas vilas, para non quedar desbancado e desconectado dos novos hábitos de consumo”, subliñou o delegado do Goberno.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button