En portadaÚltima horaVídeos

Trives rende culto ao Santo Cristo da Misericordia

A misa solemne celebrábase no mediodía deste martes 14 de setembro amenizada polo Orfeón Trivés

 

A festividade do Santo Cristo da Misericordia, a mediados de setembro, é unha data moi importante para os triveses. Trátase dunha época de reencontros e reunións familiares, de lembranzas e tradicións, aínda que nesta ocasión igual que o ano pasado, a pandemia de Covid impediu a organización dun programa festivo coma os de antes.

 

Asistentes á misa na igrexa parroquial de Trives.

 

Así e todo, axustándose á normativa vixente e á situación concreta do municipio respecto ao Covid, dende o Concello apostaron por potenciar nestas datas a cultura, elaborando un programa acorde á situación que arrincaba na xornada de onte co pregón, o concerto de Los Limones e unha tirada de fogos de artificio.

 

O Orfeón Trivés amenizando a misa.

 

Con todo, o acto máis esperado polos devotos tiña lugar no mediodía deste martes 14 de setembro. En torno ás 13 horas, cooficiada por tres sacerdotes (entre eles o párroco D. Julio), comezaba a santa misa na honra ao Cristo. Unha fermosa eucaristía amenizada polo Orfeón Trivés, á que asistían numerosos veciños, axudados en todo momento por voluntarios de Protección Civil que indicaban onde debían colocarse para cumprir co protocolo anticovid establecido. Dun lado da nave central pudo verse aos membros da corporación municipal; e do outro aos membros da Confraría do Santo Cristo cuxa formación data do século XVIII, sendo a responsable de conservar, non só a tradición, senón a propia imaxe  relixiosa que chegou a Trives dende Palestina a mediados de 1700.

 

A Banda de Música de Ramirás tocando trala misa.

 

Trala misa, a xornada festiva continuaba en Trives coa actuación da Banda de Música de Ramirás que actuaba tamén pola tarde; e para os nenos estaba previsto o espectáculo familia “Xan das ondas”, un fermoso conto para concienciarnos de que o mar é de todos e debemos coidalo, na carpa instalada na praza do Concello. O mesmo lugar no que o grupo Vatapá porá esta noite (22 horas) o broche a dous intensos días para conmemorar a festividade do Cristo na Pobra de Trives.

Máis información e fotos nos seguinte enlaces: https://www.osil.info/os-fogos-artificiais-retan-a-chuvia-sobre-o-ceo-da-pobra-de-trives/

https://www.osil.info/un-pregon-compartido-abre-os-actos-do-cristo-na-pobra-de-trives/

 

 

Fotos e Vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button