EconomíaEconomíaÚltima hora

Trives resalta o “gran aumento” de turistas no verán

Con relación ao verán do 2015 tense rexistrado un crecemento turístico de máis do 90%, segundo informa o Concello de A Pobra de Trives
Participantes no xantar popular da pasada Festa da Bica na praza do Reloxo de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

As terras trivesas atraen cada ano a máis visitantes. E así o reflexan os datos que manexa o Concello de Trives a partir dos turistas que se achegaban ata á súa oficina turística. “Nunha comparativa con anos anteriores, podemos ver como a nosa contorna cada ano engancha a máis xente facendo que o número de turistas aumente. En tres anos podemos ver como falamos de un gran aumento de turistas, no que xa o ano pasado contamos con aproximadamente un 60% máis de visitantes en relación ao anterior, e se comparamos este verán co 2015 falamos dun crecemento turístico de máis do 90% atendendo a bastantes máis de medio milleiro de persoas”, segundo o Concello de Trives

O estudo realizado polo esta entidade municipal tamén revela que ademais do patrimonio natural, paisaxístico, histórico e cultural, outro gran atractivo para atraer visitantes ten sido o amplo e variado programa de lecer, cultural e deportivo que se vén organizando na época estival que logra achegarse a todos os públicos.

“Un dos pratos fortes deste programa, un ano máis, foi Divertrives, un programa de actividades lúdico deportivas para os máis pequenos. As Piscinas Municipais foron outra parte do disfrute deste verán, con cursos de natación polas mañás e varios días no que os inchables acuáticos tiveron o papel protagonista”, enganden dende o Concello.

Hai asemade cine de verán e propostas novidosas como o “Club de Lectura…e Café” organizado dende a Biblioteca Municipal, visitas guiadas polo pobo e arredores organizadas dende o servizo de Turismo se foron sucedendo semana tras semana, 2 obradoiros de fotografía dirixidos por Enrique Sánchez Eril e Carlos Temes Caneda. Ou un obradoiro de Papel e Carton, Scrap. dirixido por Mª Ángeles López.

“Dando a coñecer a nosa natureza leváronse a cabo 4 rutas de sendeirismo familiar nas mañás dos mércores, acompañados en cada unha delas por unha guía. Por terceiro ano consecutivo houbo lugar para as esperadas Rutas Nocturnas Teatralizadas. Un teatro no que participan con ganas e ilusión, ademáis dos traballadores do concello, veciños do pobo dándolle así un punto máis entrañable”, lembran dende o Concello trivés.

Tampouco faltaban as propostas deportivas como o xa tradicional Día da Bici ou a Carreira de San Bartoliño, xunto con outras citas xa clásicas como a XLIV FESTA DA BICA, onde centos de persoas se reuniron na praza do Reloxo para celebrar esta data. A festa contou con varios concursos, mercado de artesáns, charanga, banda de gaitas e para broche de fin de festa, unha discoteca móbil.

 

As terrazas do casco antigo de Trives ateigadas de xente durante a celebración do Entroido de Verán, organizado pola A.C. A Caniceira./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Por outro lado, ademáis de todas estas propostas do Concello de A Pobra de Trives, as distintas asociación da vila, coas que colaborou o concello, tiveron grandes actividades tamén no verán: a concentración de motos organizada polo Motoclub Os Esquíos, andaina organizada polo Club de Montaña, Entroido de verán organizado pola A.C. A Caniceira, Festival “ Alicia no País dos Contos” organizado polo Gimnasio Trivesport, a proxeción do documental “Raiolas de Luz”, sobre a memoria dos avós e avoas, organizado polo C.E.I.P. Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, Concerto de Oscar Ibáñez & Tribo organizado pola Banda de Gaitas Os Trintas ao igual que o propio concerto da banda.

Dende o Concello de Trives exprésase o agradecemento e parabéns a “todos os traballadores e colaboradores por poñer todo o seu cariño e esforzo en todas e cada unha das actividades nas que estiveron presentes. Grazas a ese gran equipo humano, as súas ganas e ilusión, xa que sen el, todo este verán non sería posible. E grazas a toda esa veciñanza que se animou a desfrutar con nós de este variado e completo programa cultural”.

Artigos relacionados

Back to top button