ConcellosÚltima hora

Trives restrinxe a atención presencial no Concello, cancela as feiras e suspende actividades deportivas e culturais

A súa alcaldesa sinala no bando urxente que vén de emitir que "somos unha poboación de risco, por ser a maioría da poboación de idade avanzada con alto risco de contaxio, polo que pregamos conciencia individual e colectiva do problema de saúde pública ao que nos enfrontamos

Casa do Concello de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tendo en conta o “grave risco para a saúde pública en xeral, e, en particular, para a veciñanza da Pobra de Trives”, a súa alcaldesa, Patricia Domínguez, vén de emitir un “bando xeral e urxente” no que se dictan  “como medidas preventivas e de cautela en prevención de riscos sanitarios e de control da saúde das persoas” deste municipio.

Así, en primeiro lugar, o Concello trivés acorda “de forma expresa como medida cautelar: cancelar e suspender todas as feiras quinquenais no núcleo da Pobra de Trives, suspender as actividades deportivas impartidas dende o Concello (ximnasia de mantemento de maiores…), escolas deportivas e demais actos previstos de competencia municipal, suspender as actividades culturais, talleres sociais, talleres de memoria, escola de música e demais actos previstos de competencia municipal” e suspender tamén “os actos que impliquen concentración de persoas”. E recoméndase evitar calquera concentración pública particular.

Por outra banda, o Concello de Trives procede ao “peche material de bens inmobles afectos a servizos públicos de todas as instalacións deportivas, escola de música, biblioteca, museos e oficina de turismo, Auditorio Xulio Vázquez (Casa da Cultura)”.

Así mesmo, restrínxese a atención presencial ao público na Casa do Concello, agás cita previa (con valoración da necesidade) e atenderase “a toda a veciñanza contactando co número 988 330000 ou no correo administracion@concellodapobradetrives.gal“.

Ademais no bando formúlanse unha serie de recomendacións para o conxunto da veciñanza como son evitar aglomeracións en parques, prazas e o resto de espazos públicos, “apelar á responsabilidade social e individual” e cumprir as medidas hixiénico sanitarias e, se se teñen “síntomas respiratorios” que se permaneza no domicilio e se chame aos teléfonos indicados pola Xunta: 900 400 116 ou 061. Tamén se pide evitar os desprazamentos.

Hai ademais un apartado dirixido especialmente a persoas desprazadas, no que, xunto coas recomendacións do apartado anterior solicítase “conciencia social e evitar desprazamentos ao noso concello de persoas procedentes de comunidades autónomas de alto risco”.

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, lembra tamén bando que “somos unha poboación de risco, por ser a maioría da poboación de idade avanzada con alto risco de contaxio, polo que pregamos conciencia individual e colectiva do problema de saúde pública ao que nos enfrontamos”.

No bando, matízase que “atopámonos nunha situación de carácter excepcional e, por tanto, as medidas e decisións que se están a adoptar teñen tamén carácter excepcional á espera das indicacións das autoridades sanitarias”.

 

Artigos relacionados

Back to top button