ConcellosÚltima hora

Trives, Río e Manzaneda levan máis dun mes desinfectando con ozono vehículos de emerxencia, de reparto e taxis

"O ozono é un gas e, polo tanto, chega a todos os recantos, a lugares onde con lixivia hai veces que é difícil chegar", matiza o rexedor de San Xoán de Río

 

Hai pouco máis dun mes, o 18 de marzo, os Concellos de Trives, San Xoán de Río e Manzaneda acordaban por recomendación médica, nunha das reunións que manteñen periodicamente no marco da crise do coronavirus, mercar entre os tres unha máquina de ozono para desinfectar os seus centros de saúde.

Facíano e agora fisicamente a máquina, que é portátil, está no P.A.C. de Trives. Agora tamén se utiliza para a desinfección do material médico ante a falta de EPIs (equipos de protección individual), así como para vehículos de emerxencia como os de Protección Civil e as ambulancias, para furgonetas de reparto, taxis, etc.

“No momento no que a mercamos a xente dicíanos que estabamos tolos, daquela o habitual era desinfectar con lixivia, pero agora estase demostrando que administracións e particulares súmanse a esta tecnoloxía de desinfección que nós levamos usando máis dun mes. E cando pase o pico da epidemia, esta máquina pódese mover para que use quen a necesite”, aseguran os alcaldes.

A peculiaridade deste método de desinfección radica en que “o ozono é un gas e, polo tanto, chega a todos os recantos, a lugares onde con lixivia hai veces que é difícil chegar”, matizan os rexedores destes tres concellos.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button