ConcellosÚltima hora

Trives, Río e Manzaneda reparten mascarillas, diplomas e recortables entre a súa poboación infantil

"A nosa maior preocupación é dotar da maior protección aos nenos, xa que logo estes son o futuro dos seus pobos", din os alcaldes destes concellos

 

Tendo en conta o feito de que moi pronto os cativos poderán saír á rúa, os Concellos de Manzaneda, San Xoán de Río e Trives decidían agasallar á súa poboación infantil cunha entrega moi especial. Ao longo desta tarde de venres 24 de abril os nenos e nenas de entre 3 e 14 anos de Río e Trives (Manzaneda fará o reparto mañá sábado 25 de abril) recibían dos seus respectivos Concellos unha mascarilla homologada de protección FFP2, ademais dun diploma “que os felicita polo seu bo comportamento ante esta crise sanitaria co fin de animalos a que sigan a facelo así de ben”.

A maiores cada pequeno recibía un recortable que, no caso de Trives, reproducía a imaxe do “camión dos bombeiros do Tinocho” e en Río plasmaba o camión de bombeiros que realiza labores de desinfección nos diferentes núcleos rurais.

As mascarillas infantís foron adquiridas con fondos propios dos respectivos concellos. Os tres rexedores explican que buscaron numerosas ofertas, se ben víronse “obrigados a rexeitar moitas delas porque non contaban coas pertinentes homologacións. Foi unha búsqueda laboriosa para atopar mascarillas sanitarias homologadas da protección pretendida e que puidesen ser subministradas antes deste domingo, xa que existe unha alta demanda no mercado internacional e con escasísimas unidades deste exclusivo produto de protección FFP2-KN95; é dicir, ten unha eficacia mínima dun 95% de filtración. A nosa maior preocupación é dotar da maior protección aos nenos, xa que logo estes son o futuro dos seus pobos”.

Por outra banda, os diplomas foron confeccionados persoalmente polos alcaldes, que remataban na noite de onte o seu deseño “personalizado, pero unificado para os tres municipios”, destacan os rexedores de Manzaneda, Trives e Río.

Dende estes tres Concellos tamén se adianta que nos vindeiros días repartirán mascarillas cirúrxicas para a poboación adulta que “aínda non dispoña delas, toda vez que nos tres concellos xa se comezou de xeito progresivo o reparto, que se seguirá a facer ata dar cobertura a todos os veciños”.

Fotos cedidas.

Máis información e fotos:
https://osil.info/entrega-de-mascarillas-diplomas-e-recortables-aos-nenos-de-manzaneda/

Artigos relacionados

Back to top button