ConcellosTrivesÚltima hora

Trives será o único concello ourensán que recibirá fondos para plans de desenvolvemento sostible

Está entre os 4 concellos galegos que recibirán fondos para os plans municipais de implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Exterior do Concello de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello da Pobra de Trives vén anunciar que é un dos catro concellos galegos que recibirán fondos para a implementación dos plans de desenvolvemento sostible. Este concello que presentou a súa candidatura ao Fondo Galego de Cooperación, foi elexido para tal fin, representando á provincia de Ourense; do mesmo xeito que pola provincia da Coruña será o concello de Fene; Barreiros pola de Lugo e Tomiño por Pontevedra. Estes serán os únicos catro concellos de toda Galicia que recibirán o financiamento e contarán con consultoras especializadas que dinamizarán o proceso.

Esta nova vén a “consolidar a aposta do Concello de Trives polos ODS e a Axenda 2030; un concello que xa forma tamén parte, dende este ano (a iniciativa do grupo de goberno), da Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030 e do Pacto de Alcaldes polo clima e a enerxía. Unha aposta”, segundo sinala a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, polas “políticas públicas aceleradoras, de xénero, de loita contra a desigualdade, transparencia, de respecto e loita pola saúde e a educación, transición ecolóxica, resiliencia e sostenibilidade ambiental, consumo responsable, empleo, cooperación, cultura, de loita e defensa polos dereitos humanos. Unha senda na que levamos traballando dende o inicio do mandato e que pretendemos reforzar con esta concreta acción; máis aínda coa actual situación de crise orixinada pola pandemia COVID-19 de graves consecuencias para tódolos sectores e que está a provocar un incremento das desigualdades, un agravamento da brecha educativa, unha amenaza á saúde física e mental de todos pero en especial dos sectores máis vulnerables (nenos e maiores)”.

Ademais a rexedora destaca que se trata dun “compromiso coa implementación de políticas transversais que dean resposta a todos os nosos veciños, que constitúan un freo á actual situación de crise e que promovan e activen os ODS no noso territorio, para despregar accións e acadar estes resultados dende o ámbito local e se dea cumprimento á Axenda 2030 a través de esta aposta política e institucional para que os ODS sexan folla de ruta xeneradora de políticas e accións de proximidade baseadas na sostibilidade social, económica e ambiental”.

Artigos relacionados

Back to top button