ConcellosTrivesÚltima hora

Trives solicitará que a Festa da Bica se declare de interese turístico de Galicia

Esta tradicional celebración limitarase este ano, debido á situación sanitaria, a unha alborada/pasarrúas dos Bertolini o 26 de xullo e á degustación deste doce

Bica de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tendo en conta o contexto actual de crise sanitaria debido ao Covid-19, este ano o Concello da Pobra de Trives limitará a súa tradicional Festa da Bica a unha alborada/pasarrúas da man do grupo Os Bertolini, da veciña Manzaneda, o vindeiro 26 de xullo. E iso, “sen esquecer degustar o noso doce máis senlleiro: a Bica Manteigada”, tal e como vén de anunciar o Concello.

Ademais dende esta administración local indícase que, “de común acordo co Concello de Manzaneda, acordamos non levar a cabo este ano o Festival Celtibérico de Bandas de gaitas, debido á gran afluencia de visitantes que soe concentrar”.

 

Os Bertolini durante un pasarrúas./ Foto: A.R.

 

O Concello de Trives adianta tamén que “nestes días daremos cumprimento ao debido recoñecemento que sempre se lle debeu dar a esta singular, característica e tradicional Festa da Bica, coa presentación da solicitude, instada por este Concello, do recoñecemento de declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, solicitude na que levamos traballando dende hai meses coa preparación da memoria, informes e documentación recompilada, preceptivos”.

Malia ao limitado da celebración dos actos deste ano, o Concello trivés comprométese a “recuperar” tanto a Festa da Bica como o Certame Celtibérico “o vindeiro anos coas debidas garantías, xa que logo a situación actual esixe a máxima prudencia”.

Artigos relacionados

Back to top button