En portadaÚltima hora

Trives suspende todos os actos da Festa da Bica polo aumento de positivos de Covid

"Consideramos que coas cifras existentes na nosa área, sería unha imprudencia manter as actividades programadas tanto na vila como na estación de montaña", di o Concello de Trives a través dun comunicado

Publicidade
Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende o Concello da Pobra de Trives vén de emitirse un comunicado para anunciar a suspensión da totalidade dos actos da Festa da Bica, prevista para esta fin de semana, ante a situación epidemiolóxica do municipio. “Debido ao incremento de casos de Covid na vila e no PAC, e recabada opinión ás autoridades sanitarias correspondentes, acórdase -en garantía da seguridade dos vecinos da nosa vila- a suspensión dos actos da Festa da Bica ata que baixe a incidencia e se incremente o número de vacinacións”.

Así o Concello de Trives explica que neste 29 de xullo o Sergas comunicoulles que hai no PAC 19 contaxiados, 15 deles en Trives, “e somos coñecedores de que existen máis contaxios que se atopan pendientes de confirmación. Con este incremento de contaxios, que supera as porcentaxes de afectados que tiveramos durante os meses máis duros do confinamento, debemos seguir actuando cos mesmos criterios que mantivemos ata o de agora para protexer a saúde da veciñanza e evitar por tódolos medios o incremento de número de contaxios, xa que noutro caso pasaríamos a unha situación moito máis restritiva que perxudicaría os intereses de toda a poboación”.

Así mesmo, no comunicado indícase que,”debido a este incremento, o Concello de Trives pasou a nivel medio de restricións segundo decisión do Comité da Consellería de Sanidade. Dito cambio conleva distintas restricións, como a prohibición dos desfiles de gaitas que estaban programados, permitindo únicamente expectáculos en cadeiras e con moitas restricións. Consideramos que coas cifras existentes na nosa área, sería unha imprudencia manter as actividades programadas tanto na vila como na estación de montaña, máxime cando acudirá xente de fóra desta área e de Galicia; multiplicándose o número de persoas e o risco de contaxios, polo que dende no noso concello desanconsellamos a asistencia aos actos que poidan levarse a cabo na nosa área de incidencia ou en áreas limítrofes polos motivos que se están a expoñer neste escrito”.

O Concello de Trives tamén asegura que, “despois dun intenso traballo programando as actuacións e actividades deportivas para estas datas tan importantes para o noso pobo, e tendo en conta o éxito de inscritos nas actividades previstas (superando, con creces, as nosas expectativas), é profundamente desmoralizador ter que adoptar esta decisión por segundo ano consecutivo, que asumimos en garantía do benestar común. Para elo, consultamos o parecer dos nosos médicos, aconsellándonos, coma sempre, prudencia”.

Ademais esta administración local sinala que “adoptamos esta dolorosa decisión, apelando á responsabilidade individual dos veciños e á súa solidaridade; trasladamos á poboación a mensaxe dos nosos sanitarios que piden a colaboración e cooperación con eles para frear o ascenso dos contaxios na nosa área. Agardaremos unha mellora da situación sanitaria, momento no que intentaremos que se poidan levar a cabo os actos que estaban programados para estas datas”.

Así mesmo, o Concello de Trives agradece “expresamente a comprensión dos grupos musicais, monitores, persoal de son, de luces, artistas e deportistas colaboradores e tamén do marabilloso persoal do noso Concello. A todos os inscritos na marcha nórdica e andaina, reservámoslles a inscrición preferente para a vindeira data”.

Así mesmo, ponse “a disposición das autoridades sanitarias e de toda a veciñanza, brindando a nosa dispoñibilidade as 24 horas do día para aqueles afectados que o precisen e, que agardamos, non vexan comprometida a súa saúde. Seremos quen, coma sempre, de superar as adversidades nun exemplo de pobo unido e comprometido e celebraremos, ainda noutra data, a nosa senlleira FESTA DA BICA. Do mesmo xeito e, polos mesmos motivos, queda SUSPENDIDA a FEIRA que debía ter lugar o vindeiro luns e as consecutivas ata que descenda o número de contaxios”.

Artigos relacionados

Back to top button