ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Trives, tamén terra de esgrafiados

A investigadora Mar López Sotelo vén de inagurar en Santa Leonor a exposición "Esgrafiados na Ribeira Sacra"

 

Aves, raposos, escenas de caza, trisqueis… Son multitude os motivos que poden verse nos esgrafiados que poboan as fachadas de casas, rectorais, pombais ou mesmo hórreos ao longo da Ribeira Sacra. Trátase dunha técnica con séculos de antigüidade que consiste en “encalar unha parede moi húmida cun punzón e facer unha serie de debuxos sobre ela”, explicaba a investigadora Mar López Sotelo, na conferencia sobre este singular arte decorativa coa que inauguraba en Trives a mostra “Esgrafiados na Ribeira Sacra”, que poderá verse ata o 7 de xaneiro en Santa Leonor.

Topouse con eles case por casualidade, mentres realizaba unha investigación de carácter social, daquela non sabía o que eran. “A primeira dificultade é encontrar a verdadeira denominación desta arte decorativa. A día de hoxe en Galicia aínda non se coñece exactamente un nome polo que se poida denominar esta técnica, nin tampouco os profesionais que a realizaban, pero si vou tendo constancia de que nalgunhas comarcas como a do Saviñao (Lugo), chamábaselle recebado palomero polas figuras que aparecen nalgúns deles en forma de pomba”, explicaba.

 

A investigadora Mar Lopez en Trives, durante a inaguracion da mostra.

 

Leva máis de seis anos estudando este tipo de manifestacións creativas, un traballo que sigue moi vivo e que medra cada día. De feito, en Trives atopaba hai pouco con axuda de varios veciños novos e interesantes esgrafiados en localidades como Sobrado ou Barrio, cuxas imaxes compartía neste acto, explicando ademais os seus detalles.

López Sotelo remontáse ata o século XII para falar das orixes desta arte. Nese momento prodúcese o auxe dos gremios dos canteiros en Europa, que en Galicia eran coñecidos como “arginas”, e que se paraban polas diferentes localidades. “Existe unha clara relación entre o románico e os esgrafiados, onde hai románico, hainos”, e tamén coas rutas xacobeas e “coas vías romanas, xa que daquela o Camiño de Santiago, como tal non estaba definido como o está hoxe”. E no caso de Galicia distinguía tres tipos diferentes de esgrafiados, un dos cales é o tipo mural, e tamén detíñase na súa simboloxía.

 

 

“Os esgrafiados son unha auténtica obra de arte nas fachadas por iso é moi importante a súa conservación e a súa adecuada restauración, hai que facela con moito coidado”, dicía ao termo da súa intervención, que se completaba cunha actuación dunha profesora e de dúas alumnas da escola de música trivesa.

Despois os asistentes podían percorren a exposición, que reúne unhas 42 fotografías de esgrafiados de diferentes puntos da Ribeira Sacra, entre eles o primeiro que fotografou (en Sober) e o que máis a emocionou, unha escena de caza completa (no Saviñao).

Ademais no acto inaugural, ao que asistían, entre outras persoas a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, e o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández,  podía desfrutarse de bica de Trives, acompañada por viño Alcouce barrica da Adega Chao do Couso.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button