EconomíaEconomíaÚltima hora

Trives, terceira cabeceira comarcal con mellor evolución do paro na crise

O último informe do Observatorio Económico Ourensán presentábase o 8 de marzo nesta vila
Presentación do último informe do Observatorio Económico Ourensán na comarca trivesa.
Presentación do último informe do Observatorio Económico Ourensán na comarca trivesa.

O mercado laboral da comarca de Terra de Trives mantívose estable no último ano, con preto de 1.300 empregos locais, mentres que o paro continuou á baixa e xa retrocedeu ata os niveis previos á crise económica. É unha das conclusións do  sétimo informe do Observatorio Económico Ourensán, que se presentaba na mañá do 8 de marzo no salón de plenos do concello de Trives. Neste acto participaba o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, así como os alcaldes de Manzaneda, David Rodríguez, e de Trives, Francisco José Fernández.

Entre os indicadores da comarca recollidos no estudo, o xerente do Inorde resaltou a evolución do sector industrial, que no segundo semestre de 2015 logrou xerar un 8,9% de emprego neto. Deste xeito, o emprego da industria recupera niveis equiparables aos que presentaba no primeiro trimestre de 2013, o que equivale a tres anos de neutralización dos efectos laborais da crise no sector máis determinante para a renda dos fogares e para fixar a contía das pensións polas cotizacións elevadas.

Asemade no estudo sinálase que no acumulado dos últimos doce meses, o paro baixou nos catro concellos da comarca, con descensos que oscilaron entre o 0,6% de Pobra de Trives e o 19,3% de Manzaneda. A comparativa desde xaneiro de 2008 sitúa a dous municipios con menos parados que antes da crise: Manzaneda (-13,8%) e San Xoán de Río (-3,8%). Cabe salientar que Manzaneda é o quinto concello ourensán con mellor comportamento do paro no último ano e o sexto en toda a serie temporal desde o inicio da crise.

Artigos relacionados

Back to top button