DeportesMotociclismoÚltima horaVídeos

Trives vibra ao ritmo das motos na XVII concentración mototurística Os Esquíos

A exhibición nocturna de AV Campos conquistou ao numeroso público na rúa San Martín

 

Dende o venres 8 de xullo e ata hoxe domingo día 10 a Pobra de Trives volveu vibrar ao ritmo das motos, a música e a festa coa concentración mototurística Os Esquíos que, tralos dous anos de parón forzoso por culpa da pandemia, regresaba neste 2022 con máis ganas e forza que nunca.

 

 

 

Cun novo éxito de asistencia (en torno aos 500 inscritos) a XVII edición da xuntanza moteira “a máis veterana da provincia de Ourense” arrancaba na tarde do venres 8 de xullo coa apertura de inscricións e a festa da sangría con chourizos e, a partires de aí, desenvolvíase o programa tal como estaba previsto. As rutas polas fermosas paraxes da contorna son sempre un dos principais atractivos da xuntanza, xunto á ruta barítima pola vila co tradicional porco no espeto e a exhibición (Stunt-Show) do zamorano AV Campos que fixo as delicias dos asistentes o sábado pola noite con espectaculares acrobacias sobre diferentes motos, un quad e un monopraza, queimando roda e enchendo de luz o recinto ao combinar diferentes acrobacias perfectamente coreografiadas. Un estilo libre e a personalidade de AV Campos reflectíronse nun espectáculo cargado de adrenalina.

 

 

O apartado musical da concentración correu este ano a cargo de Malditos Pendejos que actuaron o venres; e As Macizas Centrais e Arizona que puxeron ritmo na xornada do sábado.

 

 

Coma sempre, a fin de semana de motos marcada polas altas temperaturas remataba hoxe coa entrega de premios tralo xantar.

 

 

 

 

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button