EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Trives vibra cos X Cantos de Taberna

Unha ducia de grupos participaban nesta edición, organizada pola AC A Caniceira, que se celebraba na tarde e noite do 24 de novembro cun circuíto por doce bares da vila

Máis grupos que nunca, numeroso público e un ambiente moi especial polos bares e polas rúas de Trives. Os Cantos de Taberna enchían de ritmo, festa e xente os establecementos de hostalaría da vila nunha tarde e noite deste 24 de novembro na que a música vencía á chuvia. Desta volta eran doce os locais participantes neste roteiro musical que organiza a AC A Caniceira: Casanova, Quintela, Lar de Alicia, Cafeto, Sky, Bodegón, Cantina do 4, Boliche, Manolo’s, Paíño, Troula e San Martín.

O circuíto dos cantos partía dende a praza do Pilón, onde os grupos participantes se concentraban arredor das sete da tarde. Desta volta eran un total de doce formacións, algunha delas vida dende 200 quilómetros de distancia: San Nordés (Trives), Re-la-mi-dos (Ourense), Parranda (O Barco), Os Trabazos (Castro Caldelas), Son do Bibei (Valdeorras), Rondalla Esmorga (Trives), Sómosche d’herbas (Trives), Mariachis Locos (Trives), The Pacorro’s Brothers (Manzaneda), Sons da Raia (Salvaterra do Miño), As Macizas Centrais (Trives) e Nova Era (Verín).

Dende a praza, cada un dos grupos guiado por un membro da organización realizaba un traxecto por catro bares da vila. Entre bar e bar a festa seguía na rúa, onde se ían cruzando os músicos. Tras completar o percorrido, os doce volvían confluír ás once da noite na praza do Reloxo para concluír a celebración cun reparto de agasallos. Dende a organización faise un balance moi positivo desta edición e agradece a colaboración dos bares participantes.

Fotos: Carlos G. Hervella, excepto as cinco últimas da galería que son cedidas.
Máis fotos:
https://osil.info/os-x-cantos-de-taberna-de-trives-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button