CulturaCulturaÚltima hora

“Trote” de Xacio Baño suma 15 nominacións nos Premios Mestre Mateo

O filme deste director vencellado familiarmente a Valdeorras foi o máis votado nesta primeira rolda conxuntamente con “A sombra da lei”, con outras 15 nominacións
Xacio Baño na estrea de “Trote” no Barco, o pasado mes de decembro./ Foto: Carlos G. Hervella.

Xa se coñecen os nomes dos proxectos e profesionais finalistas aos XVII Premios Mestre Mateo, que se entregarán o vindeiro sábado 2 marzo nunha gala no Pazo da Ópera da Coruña. A Academia Galega do Audiovisual facía públicas as nominacións en cada unha das 25 categorías neste 7 de febreiro nun acto conducido por Nieves Rodríguez e Adrián Díaz no Centro Ágora da Coruña.

Nesa listaxe sobresaen o filme “Trote”, do director ligado a Valdeorras Xacio Baño, é finalista en quince veces en 13 categorías: dirección (Xacio Baño), dirección de arte (María Lolo), dirección de fotografía (Lucía C. Pan), dirección de produción (Xabier Eirís), guión (Xacio Baño e Diego Ameixeiras), interpretación feminina de reparto (Melania Cruz, Tamara Canosa), interpretación feminina protagonista (María Vázquez), interpretación masculina de reparto (Celso Bugallo e Fede Pérez), longametraxe (Frida Films e M-Films), maquillaxe e perruquería (María Simón), montaxe (Álvaro Gago), son (Miguel Seixo) e vestiario (Renata Uzal).

Así, a primeira rolda de votacións dos académicos galegos sitúa aos filmes “A sombra da lei” (con outras 15 nominacións) e “Trote” como as producións máis votadas entre as 167 que se presentaron aos XVII Premios Mestre Mateo. A unha certa distancia sitúanse a serie “O sabor das margaridas con 8”, a longametraxe “Contou Rosalía” con 7, e o programa “Land Rober Tunai Show” e o documental “Versogramas” con 4 cada unha.

“Buscadores de naufraxios”, “Land Rober Tunai Show”, “Malo será!” e “Zig Zag Fin de semana” compiten polo premio ao mellor programa de TV, mentres que María Solar, Marta Doviro, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez fan o propio polo de mellor comunicador/a. “Os Mariachi”, “Serramoura” e “Viradeira” disputarán o de mellor serie coa xa mencionada O sabor das margaridas. E, entre os documentais presentados, as académicas e académicos elixiron como finalistas Idénticas, O caso Diana Quer 500 días, Tódalas mulleres que coñezo e Versogramas.

“A nena azul”, “Beautiful boy”, “Limbo” e “Mouras” son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe de imaxe real; “Fin de la cita”, “Luscofusco”, “Peixes” e “Soy una tumba” na de mellor curtametraxe de animación.

 

Presentación dos nominados aos Premios Mestre Mateo 2019.

Artigos relacionados

Back to top button