En portadaÚltima hora

“Trote”, ópera prima de Xacio Baño, colleita cinco Mestre Mateo

Conseguía os galardóns á mellor dirección de fotografía, guión, interpretación feminina e masculina de reparto e mellor interpretación feminina protagonista
O director Xacio Balo, no centro, con membros do equipo de “Trote” na gala dos Mestre Mateo./ Foto: Academia Galega do Audiovisual.

 

“Trote”, o debut no mundo da longametraxe de Xacio Baño, vencellado familiarmente a Valdeorras, vén de colleitar 5 dos galardóns dos Premios Mestre Mateo, cuxa gala se celebraba na noite do 2 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña. Así lograba os premios á mellor dirección de fotografía para Lucía C. Pan -que acada o galardón por segundo ano consecutivo-, mellor guión para Xacio Baño e Diego Ameixeiras e case pleno nas categorías interpretativas con Melania Cruz como mellor interpretación feminina de reparto, Federico Pérez como mellor interpretación masculina de reparto e María Vázquez como mellor interpretación feminina protagonista.

A gran vencedora da noite era “A sombra da lei”, do monfortino Dani de la Torre, con ata 10 Premios Mestre Mateo na gran gala que celebrou a pasada noite no Palacio da Ópera da Coruña converténdose así na gran triunfadora desta edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual.

O filme de Dani de la Torre conquistou os galardóns á mellor longametraxe -de Vaca Films Studio, Atresmedia Cine, La Ley del Plomo AIE e Playtime Production Sarl- e á mellor dirección do propio de la Torre. Os académicos e académicas tamén recoñeceron a dirección de arte de Juan Pedro de Gaspar, a dirección de produción de María Liaño, a interpretación protagonista de Luis Tosar, a maquillaxe e perruquería de Raquel Fidalgo e Noé Montes, a montaxe de Jorge Coira, a música orixinal de Manu Riveiro e Xavi Font, o son de David Machado, James Muñoz e José Antonio Manovel e o vestiario de Clara Bilbao.

“Idénticas”, dirixido por Luis Avilés, gañou o premio ao mellor documental mentres que “Dinosaurio”, de Carballo Interplay Producións, se fixo co premio á mellor serie web. “A nena azul”, de Sandra Sánchez, conquistou o de mellor curtametraxe de imaxe real e “Soy una tumba” o de mellor curtametraxe de animación.

“Ti” fixo o propio co de mellor anuncio e “Ahora o nunca (Pegatina feat Macaco)” de Manu Viqueira, co premio ao mellor videoclip. “O sabor das margaridas” acadou o premio á mellor serie de TV, mentres que “Buscadores de naufraxios” gañou o de mellor programa de TV e Rodrigo Vázquez o de mellor comunicador polo seu traballo no “Ti verás!”. Completa os premios televisivos o de Sito Torres e Miguel Granero pola realización de “Álbum de viaxe”.

 

Artigos relacionados

Back to top button