CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Tumbas con restos humanos no Castro de San Lourenzo en Cereixa (A Pobra do Brollón)

Foron exhumados polo equipo que dirixe o arqueólogo Xurxo Ayán e, nalgúns casos, están moi ben conservados polo que ofrecerán información de grande valor

En vésperas de rematar coa cuarta campaña de escavacións no Castro de San Lourenzo, en Cereixa (A Pobra do Brollón), o equipo que dirixe o arqueólogo, Xurxo Ayán, exhumaba o 30 de agosto varias
tumbas que contiñan restos humanos que, nalgúns casos, están moi ben conservados que ofrecerán información de grande valor.

Nunha das tumbas atopouse unha mandíbula, presumiblemente de muller, que conserva moitas pezas e hai tamén un cráneo completo. Este tipo de achados permitirán facer unha comparativa con “Atilano” exhumado o ano pasado.

Todos os restos que van aparecendo no Castro de San Lourenzo, desde que comezaron os traballos arqueolóxicos no verán do 2016, ofrecen importante información do modo de vida nesta zona nos séculos XI, XII e XIII. Entre outras cousas, este traballo permitirá afondar nas orixes da Ribeira Sacra como paisaxe simbólica nesta época.

Na xornada do 30 de agosto acompañaban ao equipo de arqueólogos nas escavacións o alcalde da Pobra do
Brollón, Xosé Lois Maceda, e outros membros do equipo de goberno. O alcalde falou da importancia dos traballos que se fan en San Lourenzo para “entender a nosa historia” e insistiu en que o Castro é ademais un recurso turístico fundamental para o concello. Este verán a través das visitas guiadas do Concello atendeuse unha media de 15 persoas diarias, que chegan interesándose polo castro e que logo visita outros recursos deste municipio lucense.

O 31 de agosto concluirá esta cuarta campaña de escavacións no xacemento pero o traballo non para. Hai que recoller todos os achados, rexistralos e envialos a diferentes laboratorios e institucións en Galicia, País Vasco, Alemaña e Suecia, entre outros destinos.

As probas que se lles fagan aos restos ofrecerán información sobre a dieta, a idade ou a súa procedencia. Cando se rematen todos os estudos, o material levarase ás instalacións do Castro de
Viladonga para a súa conservación.

Acaba unha fase, pero o arqueólogo, Xurxo Ayán, xa pensa na seguinte. Estase traballando na busca de financiación para unha nova campaña e faranse as xestións oportunas para contar o vindeiro ano cun novo campo de traballo, como este ano se contou co campo de traballo internacional.

Fotos: Concello de A Pobra do Brollón.

Artigos relacionados

Back to top button