EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Túnel do Viño da D.O. Monterrei na Coruña coa participación de 17 adegas

Desenvolverase os días 25 e 26 de marzo, en dúas quendas cada día, na Aula de Cata Paadín

Publicidade

 

Unha trintena de viños da Denominación de Orixe Monterrei formarán parte dun Túnel do Viño que se levará a cabo na Coruña durante os días 25 e 26 de marzo. Nestas dúas xornadas, e en dúas quendas cada día (unha de 11 a 14 horas, e outra entre as 18 e 21 horas), a Aula de Cata Paadín acollerá esta actividade promocional da denominación, destinada ao canle HORECA, é dicir, a catadores, docentes e alumnos de centros de hostalería, entre outros.

No decurso desta actividade, extremando as medidas hixiénico-sanitarias esixidas, mostrarase aos participantes da devandita iniciativa cuestións como tipoloxías de viños, variedades de uva, características edafoclimáticas ou historia vitivinícola do territorio.

Así mesmo os asistentes poderán descubrir o produto que se elabora na denominación, da man das 17 adegas que participan nesta acción: Ladairo, Pazos do Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Antonio Dá Silva Pereira (Viños Lara), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Terrae Monterrei, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Xusto (Vía Arxéntea), Tabú, Alba Ao-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo) e Manuel Vázquez Losada.

Para participar no Túnel de Viño da D.O. Monterrei na Coruña será necesario confirmar asistencia no teléfono 678 577 933 ou en info@paadin.es, a fin de controlar o aforo.

“Esta é a segunda acción promocional que realizaremos este ano, retomando o vínculo directo cos nosos prescritores”, destaca a presidenta do C. R.D.Ou. Monterrei, Lara Da Silva. “Estamos nun momento no que a promoción do noso produto faise fundamental coa finalidade de, na medida das nosas posibilidades, tender pontes de comercialización para os nosos asociados, axudando como non pode ser doutra maneira tamén a fortalecer o conxunto da imaxe de marca de Monterrei”, conclúe a presidenta.

Artigos relacionados

Back to top button