EconomíaEconomíaÚltima hora

Turistas de Valladolid de ruta polas Terras de Trives

Un grupo de vallisoletanos disfrutaron da paisaxe e da gastronomía trivesas
Ruta dos Soutos de Cesuris en Borruga, Manzaneda.
Ruta dos Soutos de Cesuris en Borruga, Manzaneda.

Atraídos pola gastromomía e a paisaxe, propicia para fermosas rutas de sendeirismo, un grupo de turistas vallisoletanos achegábanse ata a comarca de Terras de Trives a comezos de novembro, aproveitando a festividade de Tódolos Santos.

Por segundo ano consecutivo, a empresa Senderismo Sermar de Valladolid (especializada na organización de excursións por diferentes puntos de España) elixía a comarca trivesa para ofertar unha completa e intensa viaxe que incluíu rutas, visitas culturais e ata a celebración do Samaín ou Halloween.

O grupo, formado por unhas 55 persoas de diferentes idades e dirixido por Conchi Redondo (responsable da empresa), chegaba á Pobra de Trives o sábado 1 de novembro para aloxarse no Hostal La Viuda. Dende alí partirían rumbo á primeira ruta de sendeirismo: a dos Soutos de Cesuris en Manzaneda. Guiados por Clemente Pérez (que cada mes dá a coñecer moitos dos fermosos recunchos da provincia de Ourense a través do Periódico O Sil), os turistas camiñaron durante cinco horas con parada para xantar, disfrutando da paisaxe, facendo fotografías… Pola tarde tocaba visita ao Museo da Escola e ao Centro de Interpretación de Trives, e pola noite disfrazarse para celebrar a festa do 1 de novembro.

Soutos de Trabazos, na Ruta dos Soutos de Cesuris.
Soutos de Trabazos, na Ruta dos Soutos de Cesuris.
Celebrando o Samaín no Hostal La Viúda.
Celebrando o Samaín no Hostal La Viúda.
Membros do grupo, disfrazados.
Membros do grupo, disfrazados.

Ao día seguinte, domingo 2 de novembro, o guía levaría ao grupo por outra ruta dende A Pobra e Trives ata Sobrado e tralo xantar, remataba a viaxe co regreso a Valladolid.

Malia a distancia e que as vias de comunicación non son as mellores, é importante que existan empresas que aproveiten o tirón do turismo de sendeirismo en grupo, unha tendencia á alza, para promocionar zonas do interior de Galicia como neste caso a comarca trivesa, que teñen moito que ofrecer, non só a nivel turístico, senón cultural e gastronómico, algo que evidentemente repercute na economía local.

Atravesando a Ponte Cavalar en Trives.
Atravesando a Ponte Cavalar en Trives.

Dende a comarca ourensá aseguran que os turistas marcharon contentos coa visita, de feito algúns xa participaran na viaxe do ano pasado polas terras de Chandrexa de Queixa e quizais repitan o vindeiro ano, pois Senderismo Sermar ten previsto organizar outra excursión por estas fermosas terras.

Fotos cedidas por Senderismo Sermar.

Artigos relacionados

Back to top button