OurenseÚltima hora

U.D. Ourense e Ourense C.F. xogarán no campo de fútbol O Couto

Os presidentes de ámbolos dous clubs veñen de asinar un convenio co secretario xeral para o Deporte
O asesor deportivo da Deputación, o secretario xeral para o Deporte e o delegado da Xunta, cos presidentes dos dous clubs de fútbol.
O asesor deportivo da Deputación, o secretario xeral para o Deporte e o delegado da Xunta, cos presidentes dos dous clubs de fútbol.

Na mañá do 16 de xaneiro, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinaba cos cos presidentes do Club Unión Deportiva Ourense e do Ourense Club de Fútbol, Modesto García Puga e Hipólito Naveira López respectivamente, o convenio polo que o Goberno autonómico autoriza o uso do campo de fútbol do Couto por ámbalas dúas entidades deportivas.

Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, expresou a satisfacción da Secretaría Xeral para o Deporte ao poñer á disposición da cidade, a través dos seus dous clubs de fútbol máis representativos, “unha gran instalación na que poder disputar os partidos das súas competicións oficiais e na que poder radicar os seus locais e as súas sedes sociais”.

O acordo recolle a autorización para disputar os partidos das competicións oficiais nas que ambos clubs participen, quedando excluída a utilización do terreo de xogo para adestramentos.

Así mesmo, autorízase á U.D. Ourense a utilización dos locais situados no primeiro andar enriba dos vestiarios locais (menos a estancia de zona de control de acceso e seguridade) e ao Ourense C.F. os locais situados no primeiro andar enriba dos vestiarios visitantes para levar a cabo as xestións administrativas e deportivas, e para que establezan a súa sede social se así o desexan. Os locais serán acondicionados polos propios clubs, que tamén se responsabilizarán das subministracións necesarias para o seu uso (luz, limpeza, mantemento, etc).

Ámbolos dous clubs deberán coordinarse para evitar duplicidades de utilización na mesma semana. A quenda de xornadas iniciarase o día 18 de xaneiro polo Ourense Club de Fútbol, quedando dende este día autorizadas as dúas entidades para a utilización da instalación.

O canon fixado pola Secretaría Xeral para o Deporte para o uso do campo é de 60 euros por xornada. Ademais, os clubs subscribirán unha póliza de seguro de responsabilidade civil.

Artigos relacionados

Back to top button