DeportesGalerías de fotosÚltima hora

A UD Ourense estrea pretempada cunha de cal e outra de area

Sae vitoriosa do primeiro amigable contra o Maceda pero cae ante o Compostela

O estadio do Couto volveu vibrar esta tarde co fútbol da man da Unión Deportiva Ourense rememorando así vellos tempos da época do CD Ourense. Os de Antonio Dacosta desputaron o segundo amigable da pretempada contra o SD Compostela rexistrando “boas sensacións” pese a caer 0-2. Este partido supuxo un contrapunto ao primeiro encontro co Maceda, onde os ourensáns se impuxeron 4-0.

O 11 inicial do cadro ourensán estivo composto polo clásico 4-3-3, con Lucas Sierra como gardamenta, unha liña defensiva formada por Otero, Sergio, Xurxo e Ocampo; Toni, Aitor e Omar, na medular do campo e Xaco, Unai e Rubén Durán, na liña máis adiantada. Pola outra banda, o rival saltou ao campo cun plantel formado por Manuel, Samu, Ferreiro, José Loureiro, Ander, Ube, Julián, Mon, Nogueira, Alberto e Martín.

O gran número de afeccionados que acudiu hoxe ao estadio ourensán puido coñecer de primeira man o novo plantel local que inclúe ás novas incorporacións. O xogo discorreu tranquilo, sen entradas bruscas, con ausencia total de tarxetas e cun claro predominio dos composteláns. “As sensacións foron boas, tendo en conta que o outro equipo está dúas categorías por enriba de nós e leva máis tempo adestrando”, explicou o presidente do clube, Modesto García, que asegurou que están afianzando a filosofía do equipo para esta tempada: incrementar a posesión do balón.

O empate inicial rompeuse no minuto 40 da primeira parte, cando se adiantaron os visitantes cun gol de Nogueira. Despois chegou o descanso, no que se fixeron abundantes cambios en ambas filas, o que levou aos composteláns a marcar no segundo tempo un novo tanto da man de Juanín.

Este inicio de tempada suporá para o novo cadro da UD Ourense novos retos, como o ascenso de categoría. “Se queremos seguir crecendo e decimos que somos o legado do CD Ourense, temos que ascender si ou si para estar de aquí a un ou dous anos en terceira división ou segunda B”, din desde a directiva. Outra das metas do novo ano é seguir incrementando o número de socios, que xa alcanza os 1.200.

“Os resultados son a clave do incremento da nosa masa social, xunto cos nomes que temos”, valorou José Ramón Dacosta, colaborador da comisión deportiva, que aposta por manter a confianza dos vellos siareiros e agradece o respaldo de socios e patrocinadores. “É unha gran responsabilidade ser o equipo da cidade”, concluíu.

Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button