ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A UDP homenaxea a Gustavo Gómez, no Barco de Valdeorras

Tabín foi presidente da Unión Democrática de Pensionistas da vila valdeorresa durante duas décadas

Despois de vinte anos ao fronte, Gustavo Gómez máis coñecido como Tabín, deixa a presidencia da UDP (Unión Democrática de Pensionistas e Xubilados) do Barco de Valdeorras. E faino con todas as honras, a homenaxe da Unión (tanto barquense como estatal) e a imposición da insignia de honra de mans do actual presidente nacional, Satur Álvarez.

O acto tiña lugar no mediodía do 18 de maio, no Salón Multiusos do Concello do Barco. Alí reuníanse os membros da UDP do Barco e os representantes da asociación a nivel nacional con sede en Madrid, co presidente ao fronte. Tal como el mesmo explicou, entrou no cargo en novembro de 2016 e dende ese momento está percorrendo o país. “O anterior presidente levaba 14 anos no cargo e con esta nova etapa estamos tratando de darlle a volta ao colectivo e para iso decidín visitar todas as asociacións que pudese (temos case 3.000 en toda España), para coñecer da súa propia voz as necesidades que teñen os maiores, e poder trasladalas onde sexa necesario”, dixo Satur, asegurando que o seu obxectivo é “poñer ao maoir no lugar que lle corresponde na sociedade, non como unha carga senón como unha parte aínda moi activa”.

No marco deste achegamento ás asociacións de pensionistas o novo presidente da UDP estatal enterouse de que Gustavo deixaba o cargo “e decidín vir ata O Barco porque quería coñecelo e darlle unha aperta porque o seu é un caso excepcional”, asegura Satur Álvarez. E el era precisamente quen abría o acto de homenaxe (despois da reunión cos asociados) ao que tamén asistía o alcalde do Barco, Alfredo García e o coordinador do voluntariado da UDP, Javier Álvarez. Sen moito preámbulo e diante de familiares e asociados, Satur daba ás grazas a Tabín por partida triple: “grazas polos teus máis de 20 anos de adicación á UDP e o teu labor social que sei que foi moi grande en toda a comarca; grazas polo enorme labor co voluntariado creando máis de 15 asociacións e manexando a máis de 200 voluntarios; e grazas polo legado que nos deixas e que espero que alguén prosiga”.

Tras estas palabras chegaba a imposición da insignia de ouro da UDP “un recoñecemento que non ten moita xente” , asegurou o presidente, e a intervención do alcalde do Barco, referíndose a Tabín como “unha persoa que adicou a súa vida ao servizo dos demáis e durante 20 anos levou esta asociación”. García tamén asegurou que “as asociacións non funcionan soas, son activas cando algún membro adica todo o seu tempo a que funcione. Nada funciona se non hai unha persoa altruísta que lle adique todo o seu tempo e iso pasou no caso de Tabín e por iso esta asociación tivo a vida que tivo. El fixo todo o que tiña que facer, o futuro agora depende de vos”, sentenciou, rematando asemade cun triple “grazas”. As mesmas que deu o propio homenaxeado, emocionado e abrumado polo acto, asegurando entre risas que “case me convencedes para continuar”.

Despois das apertas e felicitacións por parte dos asistentes, entre os que estaba boa parte da súa familia, o acto remataba cun xantar no restaurante Fernando III.

Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button